Puntos ou carbón, a dicotomía de Celta e Lugo

Celestes e albivermellos xogan hoxe baixo a atenta mirada dos Reis Magos de Oriente
Todos os Reis Magos, segundo confirmaron fontes próximas ás Súas Maxestades a 'Nós Diario', son grandes afeccionados ao fútbol. (Foto: EP).
photo_camera Todos os Reis Magos, segundo confirmaron fontes próximas ás Súas Maxestades a 'Nós Diario', son grandes afeccionados ao fútbol. (Foto: EP).

O fútbol non coñece de datas, como ben demostra que tanto o Real Club Celta de Vigo como Club Deportivo Lugo xoguen hoxe, nun día tan impropio historicamente como é a sexta feira.

Tampouco coñece de distancias, pois o conxunto vigués tivo que percorrer 1.100 quilómetros para poder estar hoxe ás 18.30 horas diante do Elxe no Martínez Valero e o lucense 50o para xogar ás 21 contra o Leganés madrileño en Butarque.

Pero, con todo o poderoso que é o deporte máis popular do planeta, no ránking queda moi por debaixo dos Reis Magos de Oriente, que incluso decidiron facer unha excepción na súa rutina habitual para premiar -ou castigar- celestes e albivermellos con puntos ou carbón segundo o seu rendemento no serán de hoxe.

Carlos Carvalhal, adestrador do Real Club Celta de Vigo: "O partido de Elxe non é unha final, no fútbol non hai vida ou morte, iso é en Ucraína ou Rusia". 

Ambos os conxuntos chegan moi necesitados ás súas citas. O Celta, que unicamente conta cun punto de vantaxe sobre os postos de descenso, colisiona cun rival directo na loita pola salvación, un Elxe fechacancelas con só catro puntos e nin un triunfo nos 15 primeiros partidos de Liga.

A pesar da dramática situación do seu rival, o preparador olívico, Carlos Carvalhal, deixou claro que será "un choque difícil, porque os dous precisamos dos puntos", aínda que tratou de restarlle transcendencia ao xogo indicando que "a vida ou morte non existe no fútbol, sempre hai unha posibilidade de reanudación de obxectivos".

Pablo Machín, técnico do Elche, rival do Celta: "Eles teñen futbolistas de prestixio como Iago Aspas, pero o mal arranque non nos condiciona, podemos gañar".

Con respecto ao once inicial, o adestrador luso non confirmou os nomes dos futbolistas que saltarán ao Martínez Valero de Elxe, pero lembrando o recente compromiso copeiro co Espanyol e o fracaso do 4-4-2 todo apunta a que xogarán baixo un sistema 5-3-2 Marchesín en portería; Hugo Mallo, Unai Núñez, Aidoo, Mingueza e Javi Galán en defensa; Renato Tapia, Gabri Veiga e Franco Cervi no medio do campo; con Iago Aspas e Jörgen Strand Larsen na punta de ataque.

"O equipo máis en forma da Segunda División"

E se o Celta quere afastarse o máis posíbel da zona de descenso, o Lugo pretende fuxir da mesma a costa dun Leganés que Fran Justo definiu como "o equipo máis en forma da Segunda División".

A pesar de que pode resultar unha definición un tanto esaxerada tendo en conta que os pepineros só sumaron nove puntos dos últimos 15 posíbeis, o certo é que levan invictos desde o pasado 16 de outubro.

Fran Justo, preparador do Club Deportivo Lugo: "Desenvolveremos un partido con poucos erros; se eles non están ben, deben saber que podemos complicarlles".

O técnico da entidade da Cidade da Muralla sinalou na rolda de prensa previa ao duelo que o triunfo ante "un tipo de rival" que lles obrigará a facer "un partido moi completo" sería "un gran regalo de Reis", ademais do "pistoletazo de saída cara o obxectivo" da salvación.

Comentarios