Vitoria do Dépor en Estremadura

Tres puntos sen brillo tamén valen

O edificio do ascenso adoita facerse con tixolos así, partidos sufridos, en que moitas veces estás máis perto da derrota do que da vitoria, partidos con cero jogo bonito, mais finalmente rentábeis. O Dépor cazou no campo do Estremadura o seu primeiro triunfo da longa e tortuosa andaina desta Segunda División. E, si, tivo máis protagonismo o gardamallas Dani Giménez do que a vangarda do ataque branquiazul. Mais tanto ten, tres puntos son tres puntos.

quique
photo_camera Quique González celebra o seu primeiro gol no campionato

Sen pragmatismo non tes futuro na liga da Segunda División. O resultadismo é unha forma de vida, e de supervivencia na categoría. Se o analisamos así, o arranque de campionato do Deportivo non está mal: un empate e unha vitoria en dous partidos consecutivos fóra de casa. Fiquen con este dado: ningunha das equipas que ascendeu o pasado curso superou 50 por cento de vitorias durante a liga. Isto non é a Primeira División.

Sofreu, e ben, o Deportivo durante os primeiros 45 minutos. Monólogo estremeño e resistencia branquiazul. Todo un test para a pizarra de Natxo González, o treinador do combo coruñés. Estamos perante o típico entrenador que ten este discurso: sobre todo que non nos marquen, que nós xa faremos un gol de cando en vez. Ben, talvez non sexa a retórica que namore as bancadas, mais hai que recoñecer que con técnicos que interpretaban tonadas distintas Riazor tampouco é que gozase precisamente nas últimas temporadas.

Non é que a equipa dispoña de goleadores cun grande currículo, mais Quique González —punta baixo sospeita polos magros números da súa última temporada no Osasuna— fixo o seu traballo cando a equipa máis o necesitaba, no comezo da segunda parte. O seu gol mudou o curso do xogo. A partir daí, o Dépor aínda se debruzou algo sobre a portería rival da man dun futebolista, Carles Gil, cuxo rango técnico está moi por riba da categoría en que neste momento xoga.

Debutou, e deixou boas sensacións, o ex xogador de Las Palmas Vicente. Ben na movimentación da bola, ben na intensidade.

Co 0-1 o partido estivo onde o quería ter Natxo González. A solidez defensiva e a inspiración dun Dani Giménez cada día máis dono da porteria branquiazul ocupáronse do resto.

Estremadura UD: Manu García, Álex Díez, Pardo, Djaló, Pomares, Álex Barrera, Fausto Tienza (Borja Granero, min. 64), Carlos Valverde (Diego Capel, min. 64), Kike Márquez (Chuli, min. 75), Enric Gallego e Rennella.

RC Deportivo: Dani Giménez, David Simón, Domingos Duarte (Pablo Marí, min. 59), Bóveda, Diego Caballo, Álex Bergantiños, Pedro Mosquera, Vicente Gómez (Didier Moreno, min. 74), Carles Gil (Christian Santos, min. 85), Quique e Borja Valle.

Gol: 0-1 Quique (min. 49).

Árbitro: De la Fuente Ramos (c. castellano-leonés). Cartóns amarelos a Álex Barrera (min. 26), Fausto Tienza (min. 55), Vicente Gómez (min. 59) Álex Díez (min. 78), Christian Santos (min. 89) e Djaló (min. 90).

Incidencias: partido correspondente á segunda xornada de LaLiga 1|2|3 disputado no Estadio Francisco de la Hera ante 10.827 espectadores.

PD: O partido deitou unha má nova: o central portugués Domingos Duarte —fixo no esquema de Natxo González— escordou o nocello esquerdo e é seria dúbida para o próximo encontro do Dépor (terceira saída consecutiva, desta volta a Tenerife, sábado ás 20.30 horas).

Comentarios