PuntoGal e a Asociación Galega de Fútbol Gaélico aúnan forzas

Asinan un convenio para promover o deporte
Este acordo permitirá achegar o gaélico a máis de mil nenos e nenas de todo o país. (Foto: Asociación PuntoGal).
photo_camera Este acordo permitirá achegar o gaélico a máis de mil nenos e nenas de todo o país. (Foto: Asociación PuntoGal).

A Federación Galega de Fútbol (FGF) acolleu na xornada desta quinta feira o acto de sinatura do acordo polo que PuntoGal se converte no patrocinador principal de Gaélico Escolas, o proxecto de formación deportiva de base da Asociación Galega de Fútbol Gaélico (AGFG), nun acto no que estiveron presentes o presidente da AGFG, Ángel Negrete, e presidente e o director xeral do dominio, Manuel González e Darío Janeiro.

O convenio, que amplía a colaboración do dominio co único deporte no que Galiza conta cunha selección competindo oficialmente de modo internacional, permitirá o desenvolvemento de campus formativos sobre esta disciplina entre os e as máis novas, así como sesións e charlas informativas en centros educativos. 

A primeira destas actividades será en Gondomar entre os días 23 e 27 deste mes de agosto. Alí, rapazas e rapaces de entre 8 e 17 anos coñecerán as habilidades, técnicas e tácticas do fútbol gaélico "dun modo ameno e divertido, mesturando xogos do propio deporte con outros de corte máis lúdico". Este campus estará dirixido por membros do club local, o Turonia Gondomar FG, en colaboración con Concello de Gondomar, e contará coa presenza dos seleccionadores galegos na súa xornada final. 

No acto presentouse tamén a camiseta oficial das Gaélico Escolas, que levarán os e as participantes nestas actividades. Ademais, deuse conta da posta en marcha dunha web informativa sobre o proxecto onde a AGFG e PuntoGal comunicarán as actividades desenvolvidas e darán a coñecer os fundamentos do fútbol gaélico.

"Un paso adiante" para o fútbol gaélico

O presidente da Asociación de Fútbol Gaélico, Ángel Negrete, destacou a transcendencia deste convenio de patrocinio: "Grazas ao compromiso continuado de PuntoGal, que se remonta ao ano 2018, podemos continuar avanzando como proxecto de referencia na escena do fútbol gaélico internacional, promocionando o nome da nosa terra e cultura por todo o mundo".

Na súa intervención sinalou que Gaélico Escolas pretende "dar un paso adiante na implantación do fútbol gaélico na Galiza, e ser un proxecto de referencia en Europa. Até o de agora, gran parte do traballo da Asociación foi dar a coñecer na sociedade a existencia deste deporte, obxectivo que cremos que, aínda sendo evidentemente minoritario, foi acadado. Agora é o momento de entrar na seguinte fase, a de consolidación, e esta pasa por crear unha estrutura sólida de deporte base, onde as nenas e nenos teñan o fútbol gaélico coma unha opción máis dentro da súa oferta deportiva, porque sen base non hai futuro".

Un deporte "vinculado á identidade galega"

Pola súa banda, o presidente de PuntoGal, Manuel González, sinalou que con este convenio PuntoGal "trata de fomentar o deporte vinculado á identidade galega". "O fútbol gaélico -apostilou- é unha actividade deportiva que leva o nome da Galiza por todo o mundo, e de modo moi especial polos países de raíces celtas, e estou seguro de que este apoio á Federación Galega de Fútbol Gaélico vai contribuír a difundir entre a nosa mocidade esta modalidade que tan ligada está ao nome da Galiza”.

Finalmente, Darío Janeiro salientou o feito de que PuntoGal "ve aliñados os valores do fútbol gaélico, a inclusividade e o traballo en equipo" cos que eles mesmos promoven.

Comentarios