A procura da milagre europea segue en pé

Parecía algo imposíbel de conseguir, mais o Celta de Vigo foi quen de gañar un partido sen Iago Aspas. E sen Murillo e Tapia, ollo. A escuadra celeste pasou por enriba do Vilarreal (2-4), flamante finalista da Europa League, e alimenta co combustíbel dos feitos o lume do soño de volver disputar unha competición continental a vindeira tempada.
Non dependen de si mesmos. Mais se algo hai seguro baixo a dirección de Coudet é que loitarán até o final. (Foto: RC Celta).
photo_camera Non dependen de si mesmos. Mais se algo hai seguro baixo a dirección de Coudet é que loitarán até o final. (Foto: RC Celta).

Por moito que Chacho Coudet insista no vello mantra do "partido a partido", popularizado polo seu compatriota Diego Simeone, resulta imposíbel non pensar na idea dun último esforzo que permita o Celta regresar a Europa catro anos despois da dramática eliminación a mans do Manchester United nas semifinais da Europa League.

O sólido triunfo ante un grande equipo como é o Vilarreal, o terceiro consecutivo, deixa os celestes a tan só catro puntos do sexto posto, aínda que contan co hándicap de que restan tan só nove en liza até o final do campionato.

O goleador Santi Mina, autor de dous dos tantos do Celta ante o Submarino Amarelo, móstrase algo máis optimista que o seu preparador, sinalando que "a ilusión é o último que se perde", mais é consciente de que "non depende de nós".

O Athletic B será o rival do filial celeste na loita polo ascenso

Quen si é totalmente responsábel do seu futuro é o filial do Celta, que xa ten calendario para a disputa do play-off de ascenso á Segunda División. Así, o sorteo desenvolvido no día de onte deparou que a escuadra olívica debute o próximo domingo, 16 de maio, contra outro equipo filial, neste caso o do Athletic de Bilbao.

De saír vitorioso deste encontro, que se desenvolverá no Estadio Municipal Villanovense (Villanueva de la Serena, Estremadura), o Celta B tería que agardar a que a Real Federación Española de Fútbol (RFEF) levase a cabo un novo sorteo no que coñecería o seu rival na derradeira e definitiva rolda polo ascenso.

O Rácing de Ferrol, salvado pola campá

Os Diaños Verdes conseguiron eludir o descenso de categoría no último partido da segunda fase da Segunda División B e xogarán a vindeira tempada na Primeira RFEF. 

A escuadra departamental dependía de si mesma, mais sempre tivo un ollo posto no Numancia-Deportivo por se os veciños coruñeses lle facían un favor que nunca chegou, pois estes caeron en Soria pola mínima. Non obstante, o Rácing de Ferrol fixo o seu traballo e cun gol do incombustíbel David Rodríguez superou o Marino (0-1) asegurándose un posto entre os futuros 40 integrantes da Primeira RFEF.

Outros, non obstante, conformaríanse con militar na Segunda RFEF, como é o caso do Pontevedra. O conxunto granate caeu pola mínima ante o Sporting B (1-2) e ve polo espello retrovisor un axexante futuro na Terceira División, todo o contrario que un Coruxo que se consolida no liderado do grupo 1-E despois dun traballado triunfo ante o Lealtad (2-1). 

Quen si ten a praza garantida nesta categoría é a Sociedade Deportiva Compostela, que despediu a tempada cun empate a domicilio ante o Langreo (0-0) e co amargo sabor de boca de non saber se o seu técnico, Yago Iglesias, continuará unha sexta tempada á fronte do equipo, pois manifestou sentir certo "desgaste".

Gris adeus do Dépor coa nota negativa da derrota do feminino 

A tempada 2020/21 será unha que non pasará aos libros de historia branquiazuis. Ou, de facelo, será por cuestións negativas. Así, o primeiro equipo deportivista dixo adeus a esta gris campaña, na que non foi quen de conseguir o obxectivo do ascenso a pesar de contar cun orzamento moi superior á meirande parte dos seus rivais na categoría de bronce, cunha nova derrota, esta vez ante o Numancia en Soria (1-0).

Este resultado aparentemente intranscendente, pois o equipo estaba xa matematicamente clasificado para a Primeira RFEF desde a pasada semana, trae como consecuencia que o conxunto herculino non dispute a vindeira edición da Copa, unha competición que gañou en dúas ocasións e na que levaba participando ininterrompidamente desde 1958.

Por outra banda, o Deportivo Abanca ten xa pé e medio na Segunda División logo de caer por 3-1 ante o Sevilla. As futbolistas herculinas recibiron un castigo excesivo nun encontro no que foron penalizadas por unha arbitraxe excesivamente caseira, que deixou sen sinalar accións chave como un claro penalti cometido sobre Athenea xa no minuto 3 de partido.

Comentarios