Requisa de simboloxía a afeccionados do Celta

A Policía, sobre a requisa de simboloxía a seareiros do Celta: “Bandeiras galegas, ao parecer de simboloxía sectaria”

A Dirección Xeral de Policía afirma, nunha resposta ao Defensor del Pueblo, que a requisa das bandeiras galegas coa estrela vermella no partido contra o Leganés foi feita pola seguridade privada do club madrileño. Requisa feita por entender que dentro do estadio esa simboloxía puidese “fomentar, incitar ou axudar” a “comportamentos violentos”. Afeccionados celestes denunciaran a requisa aquel día de 'estreleiras', camisolas con tríscele e mesmo unha bandeira das 7 nacións celtas.

estreleira

“A Policía Nacional responsabiliza os clubs de fútbol da retirada de estreleiras” e este corpo “define a estreleira como simboloxía sectaria”. Estas son as dúas conclusións que o Movemento polos Dereitos Civís (DDCC) extrae da resposta que recibiu do Defensor del Pueblo á súa queixa sobre a retirada das bandeiras galegas con estrela vermella –e outra simboloxía galega- no estadio do Leganés antes do encontro entre a equipa madrileña e o Celta de Vigo.

O Defensor traslada a DDCC a resposta que lle deu a Xefatura da Policía Nacional cando lle preguntou sobre a queixa tramitada por este movemento. Nela, a Xefatura informa que foron membros da seguridade privada dio club os que procederon a retirar as bandeiras con estrela vermella a seareiros do Celta nos accesos ao estadio. Bandeiras ás que se refire como “de idiología sectaria”. ”Procedieron a la retirada de algunas banderas gallegas, al parecer de simbología sectaria”, indican textualmente.

Unha requisa que se realizou por entender que dentro do estadio esa simboloxía puidese “fomentar, incitar ou axudar” a “comportamentos violentos”. Informan asemade que a Policía Nacional limítase a supervisar o acceso ao estadio e que mentres “a petición de non exhibir certa simboloxía sexa aceptada polo afeccionado sen xerar incidente ou protesta algunha”.

Seareiros celestes denunciaron aquel día de xaneiro que  se lle requisaran 'estreleiras' , así como de bufandas e outros elementos, como camisolas con tríscele e mesmo unha bandeira das 7 nacións celtas.

Comentarios