venres 24/09/21

A primeira medalla galega, máis perto

Os Xogos Olímpicos de Toquio avanzan inexorabelmente, e a pesar de que aínda non chegou a primeira medalla galega, continúan habendo grandes opcións, especialmente na vela -da man de Támara Echegoyen, Nico Rodríguez e Iago López- e na atleta Ana Peleteiro, que rachou co récord da Galiza nas cualificacións.
Con 14 metros e 62 centímetros, a saltadora galega fixo anacos o seu propio récord galego en Toquio. (Fotos: Europa Press).
Con 14 metros e 62 centímetros, a saltadora galega fixo anacos o seu propio récord galego en Toquio. (Foto: Europa Press).

A gran cita olímpica avanza, e a chegada do atletismo trouxo consigo o debut das galegas Ana Peleteiro e Belén Toimil, que tiveron sorte dispar.

Así, a de Mugardos dixo adeus prematuramente ao seu soño despois de dous intentos nulos e un terceiro e único lanzamento válido de 17,38 metros que a deixóu fóra dunha final moi esixente, pois tería que ter igualado a súa mellor marca persoal e récord da Galiza, estabelecida en 18,80 metros.

Polo contrario, Ana Peleteiro fixo anacos a súa propia plusmarca galega e chegou até os 14,62 metros no seu segundo intento. Con esta distancia, a mellor que alcanzou en toda a tempada, finalizou as clasificacións en segunda posición, só por detrás da venezolana Yulimar Rojas (14,77 metros) e por diante da cubana Liadagmis Poves (14,50 metros) e da colombiana Caterine Ibargüen (14,37 metros), polo que parte como unha das grandes favoritas na finalísima, que se disputará este sábado ás 13.20 horas.

A atleta de Ribeira compartirá o foco de atención da afección galega coas representantes do país na vela: Támara Echegoyen, Iago López Marra e Nico Rodríguez.

Na xornada desta sexta feira, as tres deportistas conseguiron manterse na batalla polos metais, e actualmente ocupan, respectivamente, a segunda posición no 49er FX feminino, a terceira no 49er masculino e a cuarta no 470.

Tamén Iván Villar, aínda que permanece á sombra de Unai Simón na portería da selección española, ten a opción de dar un paso máis cara as medallas se o combinado estatal logra alcanzar as semifinais após superar Costa de Marfil nos cuartos, rolda na que quedou apeado o boxeador Enmanuel Reyes.

O Profeta de Monte Alto perdeu con polémica ante o cubano Julio La Cruz, pois tras chegar empatados ao terceiro e decisivo round, os xuíces outorgaron a vitoria ao púxil americano a pesar da aparente superioridade do coruñés de adopción. Despois do combate, Reyes manifestou sentirse "gañador", e denunciou a "inxustiza" dunha decisión que o deixa sen medalla

comentarios