A primeira 'Kings League' galega xogouse en Noia

200 futbolistas estiveron na 'Sándwich League' que crearon dous mozos do Barbanza. A iniciativa terá continuidade este mesmo ano.
Final da Sándwich League entre Os rápidos da costa e O 33 (Foto: Nós Diario).
photo_camera Final da Sándwich League entre Os rápidos da costa e O 33. (Foto: Nós Diario)

O formato da mediática e innovadora proposta para o fútbol da Kings League, creada polo futbolista Gerard Piqué e o streamer de deportes Ibai Llanos, chegou esta semana ao Barbanza. Dous mozos noieses de 13 anos, Daniel Piñeiro e Alejo Oviedo, deseñaron unha competición semellante, con algúns cambios, na que participaron uns 200 rapaces da comarca.

O nacemento da idea foi casual. “Estaba na casa e pensei en facer algo que estivera ben por Semana Santa e a Kings League está de moda”, explica Daniel Piñeiro a Nós Diario, “xunto con Alejo comezamos a preparar todo o necesario para que saíra adiante”, engade. As redes sociais foron fundamentais para que se difundira a idea de maneira rápida. “Subimos historias e preguntamos aos equipos”, sinala Piñeiro.

Axudou tamén que a experiencia Kings League se coñecera e non fora complicado engadir un “xogador 12 e as cartas”. Como unha brincadeira entre eles xurdiu tamén o nome do evento: Sándwich League.

Desenvolvemento da liga

A singular liga comezou esta pasada segunda feira con 16 equipos e máis de 200 rapaces do Barbanza. Como na iniciativa orixinal, nos encontros contan con cartas que deixan que os equipos poidan ter avantaxes que poden ir desde eliminar un xogador rival até conseguir cun xogador máis, pasando por contar cun penalti a favor. "Xa sabían as normas e non foi difícil explicalas”, admite o organizador do evento.

O éxito desta edición xa lles animou a preparar outras. “Agora estamos pensando en que polo menos fagamos dúas cada ano, unha en Semana Santa e outra no verán ou polo Nadal”, indica Piñeiro. Ademais do apoio das amizades e persoas seguidoras deste tipo de eventos, contaron coa colaboración do Noia Club de Fútbol, que facilitou o acceso en determinadas horas ao Estadio municipal Julio Mato "Matito" e tamén o trofeo.

Os equipos tiñan entre sete e trece xogadores e entre todos eles conseguiron chegar á final dous: Os rápidos da costa e O 33. O primeiro contou cunha gran parte de xogadores dos municipios de Outes, Noia e Muros mentres que no segundo son t0dos de Noia. O 33 fíxose co primeiro título desta competición após vencer desde os 11 metros.

Comentarios