Primeira derrota do Depor de Paciência, agora pechacancelas

Talvez Paciència se equivocase ao formular un corpo a corpo con Osasuna. A falta de fútbol e erros de concentración infantís condenaron á equipa coruñesa.

Paciência prioriza a seguranza defensiva á criación de xogo. No El Sadar non houbo nen unha cousa nen a outra. Juan Domínguez, nin convocado. Valerón só dispuxo dun cuarto de hora. Un erro de apreciación nun off side por parte do árbitro e a inocencia colexial dos branco azuis á hora de defender un libre indirecto bastaron para o Deportivo ficar cun 2-0 en contra (1-0, m. 25, Kike Sola; 2-0, m. 61: Nino) con media hora de xogo aínda por diante, demasiada renda en contra para remontar tendo en conta a falta de produción ofensiva do combo galego.

Contodo, no tramo final do encontro o Deportivo abeirou a remontada. Mágoa que Nelson Oliveira estexa moi lonxe de ser un killer da área. Desbaldiu dúas oportunidades clarísimas, o tipo de xogadas que retratan a un futbolista. Oliveira non estivo nelas á altura do que di o seu currículo como internacional por Portugal.

O mellor para o Deportivo, o gol agónico de Camuñas (2-1, m. 92), que coloca o average co Osasuna a favor da equipa galega (2-0 en Riazor, 2-1 no El Sadar). Se callar ese gol poda valer ao final do campionato a permanencia.

Comentarios