PREVIA FÚTBOL | O Dépor feminino abre o 'play-0ff' ante o Cacereño

Entre os homes, Celta, o seu filial, Deportivo masculino e Rácing de Ferrol afrontan unha xornada fundamental para a consecución dos seus respectivos obxectivos.
O Dépor feminino xogará por vez primeira un partido oficial en Riazor. (Foto: RC Deportivo).
photo_camera Irene Ferreras, técnica da escuadra deportivista, é a líder indiscutíbel dun conxunto que contará co apoio das seareiras a pesar da distancia. (Foto: RC Deportivo).

Tan só un gol no derradeiro encontro da fase regular impediu que o Real Club Deportivo da Coruña feminino fechara a pasada fin de semana o ascenso directo á Liga F, a máxima categoría do fútbol estatal.

Non obstante, a escuadra herculina ten unha segunda oportunidade de subir, o que, de conseguilo, concluiría esa anomalía que representa o fútbol no marco do deporte galego, xa que é a única das principais modalidades colectivas nas que a Galiza non conta con representación na elite.

Para iso terá que superar un play-off estruturado nunhas semifinais e unha final a dobre partido que arrancan tan cedo como hoxe ás 12 da mañá. O seu primeiro rival será o Cacereño, sexto clasificado na fase regular, o que significa que o primeiro partido terá lugar nos Campos Manuel Sánchez Delgado da localidade estremeña de Cáceres.

Na rolda de prensa previa ao transcendental encontro, a preparadora deportivista, Irene Ferreras, confesou que no seo do vestiario xa non se laian "polo que puido ser e non foi", e que queren sacar petróleo no fogar dun Cacereño "que non chega na súa mellor dinámica", a pesar de ser consciente de que na Liga as estremeñas lograran imporse en ambos os seus choques directos (4-0 na primeira volta e 0-2 na segunda).

Primeiro reto da nova etapa De la Barrera

Movendo o foco do feminino branquiazul ao masculino, Rubén De la Barrera debuta por segunda vez como adestrador do Deportivo en Riazor e ante o Alxeciras (hoxe, 19.30 horas).

A importancia deste encontro vai alén do morbo pola estrea do preparador coruñés, pois a pesar da súa cómoda posición na táboa a escuadra herculina aínda non fechou matematicamente a súa presenza nos play-off, cousa para a que necesita, canto menos, un empate.

E non só iso. A clasificación final na fase regular determinará o factor campo na promoción, polo que un triunfo, únido a unha hipotética vitoria ante o Pontevedra na derradeira xornada, elevaría o Deportivo até un terceiro posto que actualmente ocupa un Real Madrid B que, curiosamente, visitará o Alxeciras na última data.

O Rácing, podería ascender matematicamente

Con todo, o ciclón de novidades na escuadra branquiazul non debe opacar o líder da categoría, un Rácing de Ferrol que podería fechar o ascenso directo á Segunda División. Para iso precisa dun triunfo sobre o Talavera no Estadio do Prado (hoxe,  19.30 horas) e que o seu máis inmediato perseguidor, o Alcorcón, tropece no Iberoamericano Baía Sur co sempre difícil San Fernando.

Sen saír aínda da Primeira Federación, o Celta B continúa co seu man a man co Linares -con quen está empatado a puntos- na procura do derradeiro posto que dá acceso ao play off-, recibindo o Ceuta á mesma hora que os anteriores partidos e cun ollo posto no Sanse-Linares. 

A Bilbao sen Iago Aspas

O primeiro equipo celeste tamén ten unha misión vital: certificar dunha vez por todas unha permanencia que se está dilatando moito máis do agardado na cidade olívica. Non semella Bilbao, o campo máis adecuado para conseguilo, dadas a fortaleza do Athletic no novo San Mamés e a ausencia de Iago Aspas por unha lumbalxia, pero os de Carlos Carvalhal encoméndanse ao espírito do triunfo da tempada pasada, cando se impuxeron por 0 a 2.

Penúltima penitencia do Club Deportivo Lugo

Finalmente, na categoría de prata un Lugo zombie encara a súa penúltima penitencia antes da fin da tempada ás 18.30 horas de hoxe ante o Huesca.

Comentarios