PREVIA | Valencia, primeira final do Celta

Máxima presión sobre os celestes para alcanzar a cifra dos 42 puntos. Na Primeira Federación, pola súa parte, tanto Deportivo como Rácing de Ferrol, Celta B e Lugo están obrigados a gañar para achegarse aos seus obxectivos.
Remate de Paciência ollado por Aspas, esta segunda feira (Foto: RC Celta).
photo_camera No partido da primeira volta os ché, que marcan o limiar da salvación, superaron a escuadra olívica por un duro 3-0 en Mestalla. (Foto: RC Celta).

Regresa o Real Club Celta de Vigo despois da parada imposta pola disputa da final de Copa cun compromiso fundamental para fechar, dunha vez por todas, unha permanencia que semellaba practicamente asegurada desde hai mes e medio, momento no que caeu nunha negativa xeira de resultados que o levou a sumar tan só cinco puntos dos últimos 21 posíbeis.

Semella cedo para caer na esaxeración que non poucas veces caracteriza o xornalismo deportivo, pero para evitar que as dúbidas e os suores fríos tan propios dos equipos que encaran as xornadas decisivas da tempada na zona baixa da táboa comecen a manifestarse en Vigo, o Celta está obrigado a superar o Valencia (Balaídos, mañá, 14 horas).

Os ché marcan o limiar da salvación cos seus 34 puntos, cinco menos dos que ten unha escuadra olívica que leva desde abril instalada nos 39, a tan só tres dos 42 que outorgan virtualmente a permanencia.  

A federación de peñas organizará un recibimento antes do partido

A pesar de estar instalados nunha perenne crise  de xogo, resultados e mesmo institucional, o Valencia é un rival perigosísimo que conta con xogadores con ampla experiencia internacional, caso do uruguaio Edinson Cavani, que cando están inspirados son capaces de superar a calquera, como fixeron cun Celta ao que golearon no seu enfrontamento da primeira volta por 3 a 0.

Para evitar que a historia se repita, a afección celeste, a través dunha convocatoria da súa Federación de Peñas, conxurouse para ofrecer un gran recibimento aos seus futbolistas, que se desenvolverá ás 11.45 na rúa Olímpicos e a explanada de Tribuna. 

 Xa sobre o céspede, Carlos Carvalhal contará co hándicap das baixas dos seus dous homes de confianza na zaga, Aidoo e Javi Galán, sancionados, polo que podería optar por un once sen precedentes con Villar; Cervi, Unai, Tapia e Mallo en defensa; Beltrán, Veiga, De la Torre e Carles Pérez no medio; con Aspas e Larsen na punta do ataque.

O Rácing axexa o líder

Trasladando o foco á terceira categoría do fútbol estatal, a Primeira Federación, o Rácing de Ferrol continúa axexando un liderado que actualmente ocupa o Alcorcón, que conta cun punto máis que os Diaños Verdes.

Para elevarse até o máis alto da táboa precisa, ademais dun tropezo dos do sur de Madrid ante o Mérida (mañá, 18 horas), vencer na Malata a un tan perigoso como irregular Badaxoz (mañá, 17 horas).

Como no caso do Celta, o Rácing contará co apoio dunha afección que levará a cabo unha "previa" con música, comida e ambiente festivo da man da Peña Morandeira nos arredores do coliseo ferrolán, concretamente no recinto feiral FIMO.

Na rolda de prensa previa ao partido, o preparador do conxunto galego, Cristóbal Parralo, botou balóns fóra sobre se a meta é rematar no primeiro posto e, polo tanto, obter o ascenso directo, limitándose a expresar a súa "alegría" por estar na situación na que se atopan.

Un club que gustaría de estar no lugar do Rácing é o Dépor, que logo do seu empate co Alcorcón está obrigado a gañar se non quere despedirse das súas remotas opcións de concluír na primeira posición, xa que está a catro puntos do líder cando restan só nove por disputar. 

Por iso, todo o que non sexa gañar mañá ás 12 ao Linares deixaría os branquiazuis con pé e medio, senón os dous, nuns postos de play-off nos que quere consolidarse un Celta B que visitará o Novo Miradoiro de Alxeciras tamén ás 12 de mañá.

Por último, o Pontevedra, que ten pé e medio na Segunda RFEF, podería dicir adeus á categoría se perde hoxe (19 horas) en Pasarón ante Unionistas.

O Lugo continúa o seu penar na cola da Segunda División baixo a sombra das declaracións de Saqués

O peor equipo da Segunda División, o Club Deportivo Lugo, volve xogar no día de hoxe (18.30 horas), nesta ocasión no Novo Os Cármenes de Granada, onde o conxunto nazarí aumenta sobremaneira as súas prestacións até elevarse como o mellor local da categoría. Esta circunstancia, unido ao deplorábel estado físico e anímico dos xogadores albivermellos, non convida a pensar nun desenlace optimista que derive na fin dunha incríbel xeira que comezou en 2022 e que se estende xa por 17 partidos nos que non coñeceu a vitoria.

Pero a atención da actualidade lucense nesta ocasión fica fóra do céspede e elévase até o palco, pois o sempre polémico presidente Tino Saqués protagonizou unha extensa rolda de prensa que superou folgadamente a barreira da hora de duración e na que analizou baixo o seu prisma o presente e o futuro da entidade. A pesar de "asumir" a responsabilidade do descenso, e a recoñecer que a situación non merece escusas, o máximo mandatario albivermello laiouse polo baixo limite salarial do que dispuxeron, o menor da categoría, o que considerou "un condicionante importante".

De cara á próxima tempada na Primeira Federación, mostrouse optimista, e considerou que é "viábel" conformar un proxecto para lograr o ascenso se son quen de recuperar "a comuñón" co público. Non obstante, este parece ser un factor complicado, xa que nas redes sociais os seareiros e seareiros mostraron a súa desconformidade con Tino Saqués, cuestionando que confirmara no seu posto na secretaría técnica a Wagner Molina, moi criticado polo seu labor na conformación do cadro de xogadores da tempada 2022/23. A maiores, o presidente anunciou que xa adquiriu "unha parcela" en Outeiro de Rei para crear unha cidade deportiva cos cinco millóns de euros que recibirá do fondo CVC.

Comentarios