PREVIA DO FÚTBOL | O Celta busca estabilizar as súas constantes vitais a costa do Almería

Podería o do Almería ser o último choque de Coudet á fronte do Celta? A resposta chegará despois do partido de hoxe, nunha intensa xornada deportiva que tamén inclúe un Celta B-Castilla e un Dépor-Sanse. Para mañá agardan o Lugo-Mirandés, o Fuenlabrada-Rácing de Ferrol e o Pontevedra-Fuenlabrada.
O Chacho non quere quedar cruzado de brazos mentres ve que o temporal ameaza con afundir o seu primeiro proxecto nun club europeo. (Foto: La Liga).
photo_camera O Chacho non quere quedar cruzado de brazos mentres ve que o temporal ameaza con afundir o seu primeiro proxecto nun club europeo. (Foto: La Liga).

Vivir é perder para caer no baleiro e o silencio, como dicía Pablo Neruda.

"¡Ay! lo que estuvo tan cerca

sin que pudiéramos saber. 

¡Ay! lo que no podía ser cuando tal vez podía ser.

Tantas alas circunvolaron 

las montañas de la tristeza

y tantas ruedas sacudieron

la carretera del destino

que ya no hay nada que perder.

Se terminaron los lamentos".

A do arxentino Eduardo Coudet é o Celta de Vigo vai camiño de ser unha historia tan triste como a relatada polo poeta chileno nos versos recollidos anteriormente, porque unha unión con potencialidades para levar ao club ás cotas máis podería chegar abrupta e prematuramente á súa fin se o conxunto olívico non consegue a vitoria hoxe ante o Almería (14 horas, Estadio dos Xogos Mediterráneos), pois de perder existe a posibilidade de que caia a postos de descenso por vez primeira no que vai de campaña.

Convertido nun técnico gris e conservador a forza dos golpes do encorsetado fútbol europeo, o Chacho está obrigado a recuperar a esencia daquel preparador alegre e impulsivo que ilusionou en 2020 co seu xogo fóra do dogma imperante no vello continente e un 4-4-2 con rombo no medio do campo que levou a ver o mellor Celta desde a época do Toto Berizzo.

A táctica coa que Coudet viviu os seus mellores momentos tanto no cono sur como na Liga podería volver contra o Almería, optando polo habitual Marchesín na porta; Galán, Aidoo, Núñez e Mingueza no lateral dereito en substitución do mancado capitán Hugo Mallo; un diamante na medular con Fran Beltrán como mediocentro  defensivo, Óscar e o cuestionado Cervi nas bandas e Gabri Veiga exercendo como '10' unha función que en circunstancias habituais corresponderían ao marxinado Denis Suárez; e Iago Aspas e o xigante noruegués Jørgen Strand Larsen na punta do ataque, que agardan sacar petróleo da liña máis fráxil da escuadra almeriense, a defensa.  

O fechacancelas visita o Ángel Carro 

Movendo o foco á Segunda División, o Club Deportivo Lugo recibe no Ángel Carro o Mirandés, fechacancelas da categoría, ás 14 horas de mañá. Os pupilos de Hernán Pérez Cuesta queren sumar de tres en tres por segunda semana consecutiva e así dicir adeus -polo momento- aos postos de descenso nun choque que rematou con resultado de 2-1 a prol dos da cidade da Muralla nas últimas catro tempadas.

 Con todo, e como diría Obélix, o técnico do Lugo non quere "vender a pel do xabaril antes de cazalo", e na rolda de prensa previa ao encontro mostrou o seu "máximo respecto" por un Mirandés ao que viu "con menos puntos dos que merece".

Triplo duelo madrileño-galego na Primeira RFEF

Na terceira categoría, Deportivo da Coruña, Celta B e Rácing de Ferrol colisionan contra equipos de Madrid esta fin de semana, sendo o primeiro en entrar en xogo o filial celeste, hoxe ás 17 horas da tarde contra un Real Madrid Castilla que viaxa a Vigo co plus de moral que lle supuxo o seu triunfo sobre o Dépor a semana pasada.

Coa intención de quitar a espiña desa derrota, e de paso volver subir a un play-off do que a separan dous puntos, a escuadra branquiazul recibe hoxe (19 horas) en Riazor precisamente o conxunto que marca o límite da clasificación para a fase de ascenso, o Sanse. 

Pola súa parte, o intratábel líder da Primeira RFEF, o Rácing de Ferrol, tamén xoga fóra da casa, no seu caso contra o Fuenlabrada mañá ás 12, cinco horas antes de que salten ao céspede de Pasarón para disputar un duelo inédito Pontevedra e San Fernando de Cádiz, pois nunca até o de agora se enfrontaran granates e azuis. 

Comentarios