Previa da Liga: Terceiro 'match ball' do Lugo ante o Fuenlabrada

Despois de dous intentos infrutuosos o Lugo ten todo a favor para fechar a salvación contra un Fuenlabrada que xa é equipo de Primeira RFEF, categoría da que queren fuxir un Dépor e un Rácing de Ferrol que xa teñen asegurado un play-off no que tamén quere estar o filial celeste, para o que debe gañar a un rival directo como é o Badaxoz.
No encontro da primeira volta, disputado o 4 de setembro do pasado 2021, Lugo e Fuenlabrada empataron a un gol no Fernado Torres. (Foto: La Liga).
photo_camera No encontro da primeira volta, disputado o 4 de setembro do pasado 2021, Lugo e Fuenlabrada empataron a un gol no Fernado Torres. (Foto: La Liga).

O Club Deportivo Lugo, único representante da Galiza na categoría de prata, quere facer bos os múltiples ditos e refráns sobre as terceiras oportunidades e fechar dunha vez por todas a súa permanencia unha tempada máis na Segunda División.

Así, logo de desperdiciar, como se diría no tenis, senllos match balls ante Tenerife e Ibiza, o choque de hoxe ás 16 horas ante o Fuenlabrada semella a ocasión idónea para conseguilo tanto por disputarse no fortín do Ángel Carro -onde sumou arredor de 75% dos seus puntos na presente campaña 2021/22- como polo feito de que a escuadra madrileña xa está descendida matematicamente, polo que previsibelmente aproveitará a visita a Lugo para dar oportunidades a canteiráns e xogadores menos habituais, alén da lóxica desmotivación que implica saberse sen obxectivos.

Non obstante, os futbolistas lucenses móstranse cautos, tal e como expresou o centrocampista Sebas Moyano na rolda de prensa previa ao encontro: "O Fuenlabrada virá con gañas de competir e de mostrar orgullo".

A pesar de non ocultar o seu "respecto" polo rival de hoxe, Moyano tamén expresou o seu convencemento en que os seus compañeiros sexan quen "de conseguir a vitoria e lograr a permanencia", porque todos teñen claro que se trata "dun día importante".

Tebas, amolando até o final

E se na cidade da Muralla agardan que o coliseo albivermello sexa unha festa, en Vigo estaba previsto que o partido de hoxe ante o Elxe acollese unha algueirada para despedir a tempada como local, pero semella que non será así por causa, unha vez máis, da falta de respecto cara ás afeccionadas e afeccionadas de -case- todos os equipos por parte da Liga de Fútbol Profesional.

Datado ás 18.30 horas de mañá, a salvación matemática do conxunto ilicitano levou a que a apenas 72 horas vista do encontro a LFP de Tebas anunciase que o partido reprogramábase ás 21 horas de hoxe por non xogarse nada ningún dos dous equipos implicados, un horario no que coincidirá co popular Festival da Canción de Eurovisión e que desbaratará numerosos plans de viaxe que incluían o partido do domingo, antes do derradeiro e defintivo cambio, ás 19.30 de mañá.

Afortunadamente non todo son malas noticias para o Celta, pois o seu técnico, o Chacho Coudet, dixo "non" aos cantos de serea da selección nacional chilena e o prometedor canteirán Iker Losada asinou unha extensión de contrato até o ano 2025.

O Celta B quere asegurar o 'play-0ff' de ascenso

Movendo o foco xa á terceira categoría do fútbol estatal, a Primeira RFEF, o filial celeste ten mañá a partir das 12 horas da tarde unha oportunidade de ouro para dar un paso de xigante na súa pelexa por lograr un posto no play-off de ascenso. Cuarto clasificado con 59 puntos, o equipo que fecha esa zona nobre é a Unión Deportiva Logroñés con 56, mentres que o primeiro dos aspirantes a entrar é un Badaxoz sumido nunha fonda crise económica e institucional que mira con ollos gorentosos a privilexiada posición do Celta B desde a sexta praza que lle outorgan os seus 55 puntos.

Nun lugar máis tranquilo están Deportivo da Coruña e Rácing Club de Ferrol, segundo e terceiro clasificados, respectivamente, pois ambos xa teñen matematicamente garantida a disputa da fase de ascenso. Porén, ningún dos dous equipos quere chegar ao tramo máis decisivo da tempada acumulando malos resultados froito da relaxación, por iso tratarán de facerse cos tres puntos no Deportivo-Tudelano (hoxe, 17 horas) e no Rácing de Ferrol-Bilbao Athletic (mañá, 17 horas). Ademais, e se ben ningún dos dous pode quedar fóra do play-off, ambas as escuadras galegas aspiran a un segundo posto que, polo de agora, ocupa o Dépor.

Comentarios