PREVIA | O Celta procura a salvación virtual ante o Vilarreal

Un triunfo deixaría os celestes con 42 puntos, cifra que case garante a permanencia
No partido de ida, disputado o 13 de xaneiro en Balaídos, Celta e Vilarreal asinaron táboas (1-1).  (Foto: LFP).
photo_camera No partido de ida, disputado o 13 de xaneiro en Balaídos, Celta e Vilarreal asinaron táboas (1-1). (Foto: LFP).

O tanto sobre a bucina de Aidoo ante o Elxe deixou case fechada a permanencia do Celta nun choque que, alén do positivo do resultado, evidenciou todas as carencias que está a padecer o conxunto celeste neste tramo final de tempada, especialmente no eido físico.

Por iso, resulta fundamental que ante outro equipo do Levante, o Vilarreal (O Madrigal, mañá, 16.15 horas), deixe virtualmente fechada a salvación cun triunfo que elevaría a súa conta particular até os 42 puntos, cifra que en 93 anos de historia de Liga garantiu sempre a permanencia... agás na 2010/11, cando o Deportivo da Coruña baixou con 43.

A misión é complexa sobre o papel, pois o Submarino Amarelo semella recuperado dunha recente crise de resultados logo de superar o Espanyol na súa casa, e ademais precisa dos puntos se non quere perder de forma definitiva o tren da Champions League. 

Con todo, a boa nova para os intereses olívicos son as numerosas baixas coas que chega ao partido Quique Setién -ex adestrador do Club Deportivo Lugo-, entre as que se inclúen pesos pesados como Coquelin, Morales e Gerard Moreno, ademais das dúbidas até última hora de Albiol, Kiko Femenía e Chukwueze.

Esas ausencias, xunto co triunfo sobre o Elxe, permitirán que o preparador celeste, Carlos Carvalhal, realice rotacións para dar descanso algúns dos homes máis cargados de minutos, polo que sobre o céspede do Madrigal o Celta podería formar con Iván Villar; Hugo Mallo, Aidoo, Unai Núñez, Javi Galán; Tapia, Franco Cervi, Solari, Luca De la Torre; Seferović e Aspas.

Un pesadelo de cinco partidos para o Lugo

Para pagar polos seus pecados o Club Deportivo Lugo, xa descendido matematicamente, ten por diante unha auténtica travesía no deserto de cinco partidos de pesadelo que arranca a próxima segunda feira ante o Sporting (O Molinón, 16.15 horas).

O que noutras circunstancias sería unha auténtica festa con desprazamento multitudinario de afeccionados -partido nunha cidade veciña en día festivo a unha razoábel para o fútbol-, nesta ocasión torna en penitencia para todos os involucrados, que, como resaltou Íñigo Vélez, técnico albivermello, teñen como único incentivo "ofrecer un triunfo á afección" e "dignificar" o traballo do grupo.

Córdoba-Dépor, duelo no cumio da Primeira RFEF

Na terceira categoría do fútbol, a Primeira RFEF, os catro equipos galegos continuarán loitando polos seus respectivos obxectivos nunha xornada no que o foco de atención recae sobre o duelo entre Deportivo (terceiro clasificado) contra o Córdoba (sétimo) no Arcánxel ás 18 horas de mañá.

Sen Lúcas Pérez, se os herculinos logran o seu primeiro triunfo fóra da casa en dous meses e medio poderían dar o sorpasso ao liderado de non conseguir a vitoria os seus máis inmediatos predecesores, Real Madrid B e Alcorcón.

Os outros grandes beneficiados dese hipotético escenario serían o Rácing de Ferrol (cuarto), que recibe ás 19 horas de hoxe na Malata o modesto Linense, e o Celta B (quinto), que sube ao autobús para pór a proba a solidez da Cultural Leonesa no sempre difícil Reino de León mañá ás 12.

Finalmente, un Pontevedra  sumido no pozo do descenso está obrigado a gañar ao Sanse en Pasarón (mañá, 17 horas) se non quere despedirse case definitivamente da Primeira Federación. Ademais, o triunfo serviría de homenaxe a Eduardo Dapena Lis, Cholo, unha lenda granate da inesquecíbel época do Hai que roelo -na que o Pontevedra chegou a xogar en Primeira División-, que terá unha estatua no parque de Pasarón, segundo anunciou o Concello da Boa Vila. 

Comentarios