Premio á cidade de Pontevedra pola organización do Mundial Multisport

A Xunta de Estremadura condeceulle o Premio Nacional 'El Anillo' de Deporte e Turismo 2020 pola organización do evento deportivo. 
anillo_pontevedra
photo_camera O alcalde de Pontevedra e a presidenta da Deputación, coa conselleira estremeña, onte en Cáceres (Nós Diario)

Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, e Carmela Silva, presidenta da Deputación, foron as autoridades encargadas de recibir onte en Cáceres o premio 'El Anillo', en recoñecemento pola organización do Mundial Multisport, que a cidade acolleu en 2019.

Os dous representantes políticos recibiron xuntos o galardón de mans da conselleira de Cultura, Turismo e Deportes da Xunta de Estremadura, Nuria Flores, no transcurso da gala do III Congreso Deporte e Turismo de Estremadura que se desenvolveu no escenario do Complexo Cultural San Francisco da cidade de Cáceres.

Para a entrega do Premio Nacional 'El Anillo' de Deporte e Turismo 2020, o xurado valorou "as excelentes condicións en que se disputou o Mundial en Pontevedra, a perfecta organización, a implicación de deportistas, voluntariado e cidadanía, así como o espírito de irmandade, un sentimento que transcendeu o ámbito deportivo do evento".

Deporte, "revolucionario"

O alcalde de Pontevedra subliñou "o orgullo dun premio como este vindo, amais, dunha cidade como Cáceres, e unha comunidade como Estremadura, que son unha potencia turística". Fernández Lores estendeu os agradecementos ao concelleiro de Deportes, Tino Fernández, que tamén asistiu á entrega, ao equipo de deportes do Concello pontevedrés e á Xunta.

Pola súa banda, Silva, que felicitou a Lores e a cidade de Pontevedra polo galardón, puxo en valor a importancia do deporte ligado ao turismo. "É chave que entendamos que hoxe o turismo demanda emocións, experiencias, vivir en contornas en que as persoas sexan o centro de todo, e o deporte é a gran revolución do século XXI", sinalou.

Comentarios