O potente Palma Futsal aproveita a falta de rodaxe do Parrulo Ferrol

O porteiro Carlos Barrón foi o mellor por parte do equipo balear, que será un dos que ocupen postos altos na táboa clasificatoria.
parrulo_palma
photo_camera Á dereita, o xogador do Parrulo Ferrol Diego Núñez pelexa polo esférico cun rival do Palma Futsal (O Parrulo Ferrol)

Case sete meses despois o balón volveu rodar para O Parrulo Ferrol, recibindo no seu primeiro amigábel da pretempada o Palma Futsal. O conxunto ferrolán caeu derrotado por un enganoso 1-7, nun partido disputado no Pavillón da Malata ante os 300 espectadores permitidos polas autoridades.

Os xogadores do equipo local comezaron forte o partido, cunha ocasión para Kevin Chis dentro da área que lograba evitar Carlos Barrón baixo paus, a primeira de moitas intervencións do meta balear. O xogo estivo igualado nos primeiros minutos, cunha boa intervención do porteiro local Víctor Espíndola tras un tiro de Vilela. Pouco despois, Thalles retrucaba cunha xogada persoal que rematou cun mísil desde o bordo da área contra o traveseiro.

Dous goles seguidos

O xogo era intenso e entretido, aínda que co paso dos minutos o Palma Futsal foi tendo máis posesión do balón e logrou adiantarse cun gol de Raúl Campos grazas a un tiro raso no bordo da área, nunha boa xogada de equipo. O Parrulo solicitou entón tempo morto, mais o Palma,  nun bo estado de forma en ataque, fixo inmediatamente o 0-2 por medio de Diego Nunes nunha boa xogada de equipo finalizada desde o bordo do área.

O equipo ferrolán non baixou os brazos en ningún momento, tendo ocasións para recortar as distancias, cun tiro de falta de Iago Rodríguez que Carlos Barrón lograba sacar baixo paus, o mesmo que sucedeu co disparo de Morioka ao bordo do área, despois dun córner. Os xogadores do Parrulo Ferrol tentaban gañar espazos sobre a pista, mais non conseguían anotar, polo que con este 0-2 o partido marchou ao descanso.

Ocasión na reanudación

Na reanudación os locais procuraron o gol. Iago Rodríguez tivo outra boa ocasión, cun tiro raso desde a frontal da área tras un saque de banda. Porén, Carlos Barrón continuaba coa portería visitante baixo feche. O xogo do Parrulo non tiña recompensa en ataque, e en defensa pagaba caros os fallos: nun destes chegou o 0-3 de Claudino, logo de aproveitar unha perda en tres cuartos de pista. 

E case sen tempo para reaccionar, Raúl Campos facía o 0-4 cun tiro raso colocado ao pau tras unha boa xogada de equipo.

Os xogadores do conxunto ferrolán non se deron por vencidos, tentando gañar espazos sobre o parqué, aínda que o Palma Futsal estaba a realizar un partido moi completo, tamén en materia defensiva. Finalmente, nunha xogada de estratexia O Parrulo facía o seu gol, obra de Diego Núñez, cun remate no segundo pau. Era o minuto 32 e o marcador reflectía un 1-4 que deu afouteza aos da casa. Porén, unha e outra vez batían con Carlos Barrón baixo paus.

O encontro chegou á recta final e o Palma Futsal metía unha marcha máis, mentres que o Parrulo notou o cansazo de seis meses sen competir e unha dura pretempada marcada polas ausencias de xogadores como Adri, Ique ou Raúl. Pola súa banda, o equipo balear ─moito máis rodado e que se moverá polos postos altos da táboa─ aproveitaba esta circunstancia para marcar outros tres tantos, obra de Mati Rosa (1-5), Vilela (1-6) e Marlon (1-7).

Segundo test

O Parrulo Ferrol terá o sábado a partir das 19.30 horas, tamén na Malata, un segundo test. Será contra outro equipo galego, o Noia Portus Apostoli, actualmente na Segunda división.

Comentarios