Un positivo por Covid-19 obriga a confinar o Frigoríficos do Morrazo

O clube cangués é o oitavo da liga Asobal que rexistra casos de coronavirus nas súas ringleiras.
cangas_balonman2
photo_camera Os xogadores do equipo posan nas bancadas do Gatañal (Balonmán Cangas)

Un xogador do Frigoríficos do Morrazo, cuxa identidade non foi revelada, deu positivo por Covid nas probas PCR ás que foi sometido durante a fin de semana, polo que todos os integrantes do equipo deben de permanecer illados nos seus domicilios, segundo informou o clube. 

Ademais, outros xogadores tiveron síntomas compatíbeis co coronavirus, polo que o clube presidido por Manuel Camiña xa comunicou ao Sergas o "risco" de que haxa máis afectados no primeiro equipo.

Como consecuencia do positivo, a Consellaría de Sanidade confirmou ao Cangas que os xogadores deben permanecer nos seus domicilios durante dez días. No ámbito estritamente deportivo, o clube solicitou formalmente ao Comité de Competición da Federación Española o adiamento do seu próximo partido contra o Ademar León.

O Cangas recibiu o pasado sábado a visita do Fraikin Granollers, que se impuxo por 23-33 no Pavillón do Gatañal ante 300 espectadores, o máximo permitido polas autoridades sanitarias. A pregunta agora é se ese xogador con coronavirus ou os compañeiros que presentan síntomas compatíbeis coa enfermidade disputaron ese partido estando xa contaxiados.

Limpeza do pavillón

No comunicado enviado aos medios polo clube sinálase que "por precaución", pensando nas familias dos xogadores, informouse o Concello de Cangas, "que seguindo o protocolo estabelecido por lei, fechará a instalación durante 48 horas, despois das cales, enviará o persoal pertinente para proceder á completa desinfección da instalación". Por último, a respecto do pavillón, o Cangas sinala que "obramos sempre co obxectivo de reunir novamente as óptimas condicións para o seu uso normal por parte das nosas categorías base".

En total son oito os equipos da Asobal con casos da Covid. O Cangas súmase a Logroño La Rioja, Blasgon y Bodegas Ceres Villa de Aranda, Incarlopsa Cuenca, Viveros Herol Balonmano Nava, Dicsa Modular Cisne, Ángel Ximénez Alvia Puente Genil e Bidasoa-Irun. 

Comentarios