Cara a Tokio 2020

Portela logra praza para os seus sextos Xogos Olímpicos ao facerse co bronce

Teresa Portela logra praza en Tokio para os que serán os seus sextos Xogos Olímpicos marcando un fito histórico. A canguesa gañou a praza ao facerse co bronce na final do K1 200 do Mundial de Szeged, en Hungría.

Teresa Portela
photo_camera Teresa Portela

Teresa Portela logra billete para os Xogos Olímpicos de Tokio 2020, marcando un fito histórico xa que será a sexta vez que compita neles. A canguesa gañou a praza ao facerse co bronce na final do K1 200 do Mundial de Szeged, en Hungría.

A canguesa, de 37 anos, ten por tanto praza na capital xaponesa. Portela foi quen de superar un mal inicio e porse na meta co bronce igualando o resultado coa danesa Emma Aastrand Jorgensen. Ambas as dúas partillan o terceiro posto do podio.

O vigués Roi Rodríguez fixo 3:42.22 e acabou oitavo na final de K1 1.000. O título de campión mundial foi quitoullo o húngaro Balint  Kopasz tras completar a carreira en 3:36.07.

O pontevedrés David Barreiro terminou no oitavo lugar do C1 500 metros. Venceu o alemán Sebastian Brendel e o búlgaro Angel Kodinov fíxose coa prata e o  moldavo Oleg Tarnovschi coa medalla de bronce.

Teresa Portela Rivas naceu en Cangas do Morrazo en 1982 e compite en piragüismo na modalidade de augas tranquilas.

Gañou 14 medallas nos campionatos do mundo de Piragüismo entre os anos 2001 e 2015, e 17 medallas nos campionatos de Europa entre 2001 e 2013.

Nos Xogos Mediterráneos fíxose con dúas medallas de prata en 2005 e 2009 en  K1 500 metros e medalla de ouro en 2018 no  K1 200 metros.

Participou en 5 Xogos Olímpicos de Verán, entre os anos 2000 e 2016, disputando cinco finais, obtendo 5º lugar en Atenas 2004 (nas probas de K2 500 metros e K4 500 metros), 5º lugar en Pequín 2008 (K4 500 metros), 4º lugar en Londres 2012 (K1 200 metros) e 6º lugar en Río de Janeiro 2016 (K1 200 metros).

Comentarios