O Porriño disposto a gañar ao Bera Bera na súa casa

O técnico das galegas, Ismael Martínez, aposta por ataques posicionais para gañar ás vascas na súa cancha.
O Porriño gañou ao Elxe. (Foto: Bm O Porriño).
photo_camera O Porriño gañou ao Elxe. (Foto: Bm O Porriño).

Tras a vitoria desta pasada cuarta feira ante o Elxe, o Balonmán O Porriño ten unha nova cita este sábado no Pavillón Municipal José Antonio Gasco ante o campión da liga regular, o Bera Bera (18 horas). 

O encontro, correspondente á vixésima xornada da Liga Guerreiras, colle un Bera Bera nun bo momento. As vascas veñen de derrotar, no último partido, ao Atlético Guardés e de maneira clara (20-27) certificando a primeira posición cun total de 33 puntos. 

Pola súa parte, O Porriño obtivo a vitoria na casa ante o Elxe tras un duro partido que terminou cun resultado de 22-20. O conxunto galego sitúase en cuarto lugar da máxima categoría do balonmán feminino español con 23 puntos.

Tras a vitoria, o técnico das galegas, Ismael Martínez, mandou unha mensaxe de agradecemento a toda a afección polo seu apoio recoñecendo que “estivo xenial pola xente e pola bancada” e engadiu que “é a primeira final xusta do ano que somos capaces de gañar”.

Porén, o adestrador xa ten na mente o próximo partido ante o que considera “un dos grandes equipos da competición”. Martínez é consciente de que os días de preparación de partido escasean. “Non temos moito tempo a alegrías, porque en 48 horas volvemos xogar” apunta o técnico. 

Ataques posicionais

Ismael Martínez cualifica ás xogadoras do equipo vasco como de “moi competitivas” polo que asegura que tentarán “asaltar a súa casa, que non é nada sinxelo, mais explotaremos ao máximo as opcións que poidamos ter”.

Para o adestrador do equipo galego, por último, a chave para facer un bo partido este sábado pasa por “tentar levar o partido cara ataques posicionais e retroceder moi ben. Ademais de tentar reducir as perdas de balón”.

Comentarios