O Porriño e Guardés volven á acción na Liga Guerreiras de balonmán

Granollers e Lanzarote, rivais das escuadras do país.
O Guardés e o Cangas, homenaxeados na Deputación (Foto: Deputación de Pontevedra).
photo_camera O Guardés e o Cangas, homenaxeados na Deputación (Foto: Deputación de Pontevedra).

Atlético Guardés e Balonmán O Porriño regresan hoxe á competición logo de dúas semanas de descanso tras a parada obrigada a causa dos compromisos internacionais das diferentes seleccións.

O primeiro en facelo será o conxunto da Guarda (hoxe, 16.30 horas), que chega logo de recibir un recoñecemento en forma de recepción na Deputación de Pontevedra, que quixo salientar así o mérito de lograr unha nova clasificación para a Copa da Raíña, logro que tamén conseguiu -no seu caso, para a Copa do Rei- un Cangas Frigoríficos do Morrazo que tamén estivo representado na homenaxe.

As catalás do KH-7 Granollers serán as rivais dunhas galegas que teñen cunha novidade non sobre a pista, senón no banco, pois volve o técnico José Ignacio Prades logo dun mes de baixa por unha intervención cirúrxica para solucionar unha leve doenza renal.

Será un duelo complicado, pois o Granollers precisa imperiosamente sumar os puntos para non descolgarse definitivamente dos postos europeos, e para conseguilos tratará de explotar ao máximo todas as súas virtudes, especialmente  o ritmo e o dinamismo que adoita conferir ao xogo colectivo.

Oportunidade de ouro ante o fechacancelas

40 quilómetros máis ao norte e hora e media máis tarde (18) comeza no Pavillón Municipal o Conservas Orbe Rubensa Balonmán O Porriño-Zonzamas Cicar Lanzarote.

Este compromiso, sobre o papel, pode ser unha oportunidade de ouro para facerse cun triunfo que se lle resiste ás porriñesas desde que vencese Barakaldo hai un mes, pois a entidade canaria exerce como fechacancelas da Liga Guerreiras Iberdrola tras non ser quen de gañar nin un só partido nos 16 que levan disputados.

Comentarios