O Porriño buscará seguir na cuarta posición diante do Grafometal Rioxa

Ismael Martínez desconfía do fechacancelas.
O Porriño co Grafometal. (Foto: Xoel Gil)
photo_camera O Porriño co Grafometal. (Foto: Xoel Gil)

Este sábado, o Balonmán O Porriño enfrontarase ao Grafometal no Pazo dos Deportes da Rioxa, en Logroño (19 horas), na vixésimo primeira xornada da liga Guerreiras. O rival non puido enfrontarse ao Elxe na última xornada polo que se pospuxo o partido por motivos de competición europea para a cuarta feira 29. A pesar diso, o equipo rioxano está situado na última posición da clasificación cun total de sete puntos.

Pola súa parte, O Porriño vén de perder contra o Bera Bera na xornada 20. O equipo donostiarra foi moi superior (31-18) durante todo o encontro. As porriñesas atópanse agora cuartas na liga Guerreiras con 23 puntos na súa conta persoal.

Tras a derrota en terras vascas, o equipo dirixido por Ismael Martínez busca sumar dous puntos moi importantes como visitante. O adestrador asegura que será "un partido moi complexo" ao volver viaxar fóra.

Boa segunda volta do rival

Malia estar de fechacancelas na clasificación da competición, o Grafometal A Rioxa, como explica o técnico galego, "seguramente sexa o equipo que máis mellorou". Martínez considera que o rival "está a facer unha segunda volta espectacular, na que gañou a equipos como Rocasa Gran Canaria", sen esquecer que pola súa situación "reforzouse moitísimo".

O adestrador recalca tamén a importancia da vitoria no Pazo dos Deportes. "Para nós son puntos chaves e se somos capaces de sumalos creo que estariamos xa nesa loita pola cuarta praza", indicou.

Por este motivo, procurará que as súas pupilas estean "serias" para conseguir "facer un bo partido". Creo que temos que estar no noso mellor nivel para poder gañar nunha pista que, agora mesmo, é das máis complicadas" na actual liga, concluía Isma Martínez.

Comentarios