xoves 28/10/21

Porriño e Atlético Guardés buscan deixar amarrado o subcampionato

Nos próximos días decorrerán a penúltima xornada da Liga Guerreiras de Balonmán e o trofeo da Deputación da Coruña.
A brasileira Gabriela Pessoa incorporarase ao Atlético Guardés en canto remate a presente tempada. (Foto: Atlético Guardés)
A brasileira Gabriela Pessoa incorporarase ao Atlético Guardés en canto remate a presente tempada. (Foto: Atlético Guardés)

A máxima categoría do balonmán estatal afronta a súa recta final, e Balonmán Porriño e Atlético Guardés, as escuadras que representan Galiza na Liga Guerreiras Iberdrola, afrontan unha xornada dispar para os seus intereses.

O conxunto porriñés, que xa ten garantida matematicamente a salvación, recibirá na súa casa este sábado ás 20 horas o Zubileta Evolution Balonmán Zuazo, que despois de superar na última data Balonmán Morvedre (24-22) ocupa a terceira praza no grupo por eludir o descenso con 18 puntos e tamén ten asegurada a permanencia.

Porén, e lonxe de apostar pola relaxación, o preparador do Conservas Orbe Rubensa, Ismael Martínez, indicou que tratarán de ser "o máis competitivas posíbeis, pois este choque pode ser decisivo se queremos ser primeiras do grupo". "Gañando, penso que aseguramos, como mínimo o segundo posto, que é o obxectivo que nos marcamos ao inicio desta segunda fase", engadiu.

Martínez admitiu que o Zuazo é "un bo equipo, que está moi ben traballado, cunha defensa proactiva que recupera moitísimos balóns". Non obstante, agarda que as súas xogadoras sexan quen "de simplificar o xogo e ser mellores sen o balón", e que non noten as recentes baixas por lesión de nomes tan importantes como Soraia Lopes ou Fátima Aleyén.

Pola súa banda, o Atlético Guardés viaxa até Catalunya para saltar ao parqué do Palau d'Esports de Granollers tamén o sábado ás 19 horas na sétima xornada do grupo polo título. Situado actualmente na segunda posición, con catro puntos de vantaxe sobre o terceiro clasificado -Rocasa Gran Canaria- e a seis dun xa inalcanzábel líder -Super Amara Bera Bera-, ten a tiro a posibilidade de repetir o subcampionato logrado na tempada 2017/18.

Mais a secretaría técnica do conxunto do sur da Galiza non descansa, e xa está traballando na configuración do cadro de xogadoras de cara á vindeira campaña, no que o obxectivo será asaltar o título ligueiro, polo que veñen de anunciar a incorporación da versátil lateral zurda brasileira Gabriela Pessoa Constantino, que procede do São Paulo.

A Deputación leva a Final Four á Coruña e Carballo

O pavillón municipal de Tarrío, en Culleredo, e o pavillón de deportes Vila de Noia de Carballo acollen o vindeiro domingo, 16 de maio, e a segunda feira, día 17, a Final Four do trofeo Deputación da Coruña de Balomán, organizada pola Federación Galega de Balonmán (FGB) en colaboración coa institución provincial coruñesa.

As semifinais terán lugar en Culleredo e comezará cos encontros femininos entre Tui e Chapela (12 horas) e Samertolameu e Pabellón (16 horas). Unha vez finalizado este último choque, será a quenda dos homes, xogando os locais de Balonmán Culleredo contra Atlético Novás ás 18 horas e MC360 Porto Artai contra Balonmán Porriño ás 20 horas. 

Ao día seguinte, a competición trasladarase a Carballo, onde as escuadras perdedoras dilucidarán o terceiro posto da Primeira Autonómica feminina e masculina pola mañá -ás 11 e ás 13 horas, respectivamente-, mentres que os equipos gañadores disputarán a final feminina ás 16.30 horas e a masculina ás 18.30. As persoas encargadas de entregar os trofeos serán a deputada de Deportes, Cristina Capelán; o alcalde de Carballo, Evancio Ferreiro; e o presidente da Federación Española de Balonmán, Francisco Blásquez.

comentarios