O Porriño aspira a repetir triunfo ante o Barakaldo

Duelo vasco galego na elite do balonmán
O partido de ida rematou cun 33-31 favorábel ás do sur da Galiza. (Foto: Balonmán O Porriño).
photo_camera O partido de ida rematou cun 33-31 favorábel ás do sur da Galiza. (Foto: Balonmán O Porriño).

O Polideportivo Lasarre será testemuña a partir das 21 horas da noite de hoxe dun duelo vasco-galego na elite do balonmán estatal, pois Zubileta Evolution Zuazo Barakaldo recibe a visita do Conservas Orbe Rubensa Porriño nun encontro correspondente á décimo cuarta xornada da Liga Guerreiras Iberdrola.

Ambos os equipos xa se enfrontaron na primeira volta, onde a formación galega foi quen de imporse -non sen dificultades- por un resultado de 33-31. Agora, volven verse as caras nun choque que promete continuar esa tónica de igualdade que se traduce na clasificación do campionato, onde a entidade do sur da Galiza ocupa a novena posición con 10 puntos mentres que a biscaíña é décima con oito.

Porque a realidade é que desde a primeira xornada de campionato o Barakaldo leva gañado tan só tres partidos e sumado unicamente dous empates, o último contra o Caixa Rural Aula Valladolid na pasada xornada. Non obstante, o Balonmán Porriño vén de perder no seu último compromiso ante outro rival 'da súa liga',  KH-7 Granollers, por un resultado de 36-29. 

O primeiro adestrador do Porriño, Ismael Martínez, compartiu antes do encontro as súas impresións sobre a evolución das súas xogadoras nestes inicios da segunda parte do campeonato, recoñecendo que non está "satisfeito" co traballo realizado até o de agora. "Temos que tratar de empezar a sumar desde xa, esquecernos dos macroobxectivos e centrarnos nos pequenos, como pode ser gañar hoxe", engadiu.

Ismael Martínez tamén fixo un exercicio de memoria lembrando o encontro de ida, "que custou moito sacar adiante, pois o Barakaldo é un bo equipo". Ademais, sinalou os principais problemas cos que se atoparon: "Non podemos facer o que fixemos na primeira volta, pois fomos moi planas e elas sacáronnos moitísimas vantaxes".

Por último, incidiu nos aspectos máis técnicos: "Elas son moi verticais, teñen un xogo un contra un moi eficaz, con xogadoras determinantes como Alba Sánchez, Magda Fernández, Maddi ou Paula". O preparador do Balonmán Porriño finalizou a súa comparecencia apuntando as chaves para volver cos puntos, algo que pasa "por estar xuntas na defensa, permanecendo unidas. Na ida estivemos ben aí, esa é a liña a seguir".

Comentarios