O Pontevedra volve catro anos despois a 2ªB

Venceu en Pasarón o partido de volta da eliminatoria de ascenso contra o Haro (3-0) e retorna á categoría de bronce, que contará esta tempada con seis equipos galegos.

(Imaxe: Pontevedra Viva)
photo_camera (Imaxe: Pontevedra Viva)


O 27 de xuño ficará na mente das e dos seareiros do Pontevedra para sempre. Se hai máis dunha década conseguía esta data o ascenso a Segunda División, desta volta retornou á categoría de bronce cunha remontada en Pasarón contra o Haro (3-0), que vencera pola mínima no encontro de ida.

Máis de 11.000 seareiros e seareiras granates encheron o estadio pontevedrés para empurrar ao seu equipo a 2ªB. As mesmas que estouparon de ledicia cando asubiou o remate do partido. Houbo invasión de campo, bágoas e moita emoción após catro anos sufrindo nunha Terceira División que lle quedaba pequena ao Pontevedra.

O equipo liderado por José Luis Míguez ‘Luisito’ saíu desde o comezo a pola vitoria. Mais a primeira metade acabou como empezara, cun empate sen goles malia as oportunidades. Non foi até o minuto 55 cando Jacobo mandou un balón o área rioxana que foi recollido por Jorge Rodríguez, heroe do ascenso, que puxo as táboas na eliminatoria.

O gol deixou tocado o Haro e o Pontevedra aproveitou para poñer a puntilla o encontro. Un duro disparo de Kevin Presa desde a frontal puxo o segundo dos pontevedreses e, a falta de 10 minutos, unha nova xogada de Jorge Rodríguez, que rematou en penalti, certificou o ascenso a 2ªB.

Comentarios