O Pontevedra volve á acción na Liga Nacional de Waterpolo co Alcorcón

Regresa a única escuadra do país na elite tras un mes.
O equipo do Lérez viaxa a Madrid. (Foto: CW Pontevedra)
photo_camera O equipo do Lérez viaxa a Madrid. (Foto: CW Pontevedra)

A Liga Nacional Feminina de Waterpolo, a máis competitiva do conxunto do Estado, regresa esta fin de semana tras máis dun mes de parada a causa das vacacións de Nadal, e con ela o único representante da Galiza na categoría, o Club Waterpolo Pontevedra.

O conxunto da cidade do Lérez viaxa até Madrid para disputar a novena xornada ligueira -correspondente ao segundo partido da segunda volta- ante o Club Natación Cidade de Alcorcón este sábado ás 18.30 horas da tarde na Piscina M-86.

A escuadra local, por obras na súa piscina, vese obrigado a desprazarse até a do Centro de Natación M-86, onde as galegas esperan facer "un bo partido" e resarcirse dunha anterior xornada, na que perderon no último minuto.

Alí agardan "un encontro complicado polo factor campo", pero a pesar de ter o público en contra saltarán á auga "como sempre, en busca da vitoria".

Liga Galega de Waterpolo

Descendendo un chanzo competitivo, tamén protagoniza a súa volta á acción esta fin de semana a Liga Galega nas súas distintas categorías, e faino cun choque que acapara toda a atención no marco da División de Honra masculina.

Trátase dun dos clásicos dos últimos anos, o enfrontamento entre CW Santiago -actual líder- e CW Pontevedra, dous conxuntos que tradicionalmente se disputan o título a final de tempada, nun duelo programado ás 18.30 horas deste sábado.

Campionato Galego Máster de Natación de Inverno

A localidade de Ponteareas presentou onte un Campionato Galego Máster de Natación de Inverno que promete ser de récord, pois reunirá case 450 deportistas de 32 clubs diferentes do 14 ao 15 de xaneiro no Complexo Deportivo Álvaro Pino da comarca do Condado.

Comentarios