A Pontevedra Trail League regresa ao Baixo Miño

O Rosal, A Guarda e Tui acollerán as tres etapas
Presentación da proba no Pazo Provincial de Pontevedra. (Foto: Deputación de Pontevedra).
photo_camera Presentación da proba no Pazo Provincial de Pontevedra. (Foto: Deputación de Pontevedra).

As persoas amantes do trail están de noraboa, pois a Pontevedra Trail League regresa neste 2021 ao Baixo Miño cunha novidosa programación deseñada pola Deputación de Pontevedra, en colaboración cos concellos do Rosal, A Guarda, Tui e a empresa especializada Noko 360. Esta competición volverá contar co Trail Adventure Muíños do Folón (no Rosal) e o Trail do Trega (na Guarda), aos que se suma este ano o Trail do Aloia (en Tui), que chega como gran novidade desta segunda edición. 

O Pazo Provincial acolleu na xornada de hoxe a presentación deste circuíto, na que estiveron presentes a presidenta da Deputación, Carmela Silva; a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández; a concelleira de deportes da Guarda, Monserrat Magallanes; o concelleiro de deportes de Tui, Rafael Estévez; e o director deportivo da Pontevedra Trail League, Serafín Martínez.

Este último explicou que todas as probas contan cunha distancia entre 15 e 18 quilómetros e un límite de 400 participantes en cada unha. Ademais, seguiranse nelas "todos os protocolos de hixiene sanitaria".

Martínez tamén resaltou o éxito que teñen estes eventos a pesar de realizarse "en plena pandemia", pois cualificou de "fantástico que haxa 42% de mulleres participando na proba, un dato que pon de manifesto que a competición cumpre cun obxectivo de abrir a todo o mundo este tipo de actividades". 

Pola súa banda, a presidenta provincial subliñou que Pontevedra é "unha gran referencia na capacidade para unir diferentes concellos cun obxectivo común, tal e como evidencia a organización deste circuíto".

Segundo indicou Carmela Silva, a Trail League "non soamente potencia os valores do deporte, senón que tamén fomenta o turismo deportivo nun territorio cuns valores paisaxísticos e unha beleza comparábeis cos lugares máis fermosos do mundo, e cuns valores medioambientais que fan que o evento estea chamado a medrar cada ano un pouco máis".

Temporalmente, a primeira das probas será o Trail Adventure Muíños do Folón, que se levará a cabo o domingo 9 de maio. Para a segunda haberá que agardar até o 17 de outubro, cando chegue á Guarda o Trail do Trega, mentres que a última delas será o Trail do Aloia, que se disputará o 7 de novembro.

Comentarios