Pontevedra será primeira cidade galega en desafíar á Covid-19 cunha proba de atletismo en ruta

Este ano a Media Maratón de Pontevedra mudará. A organización é consciente de que será a primeira proba destas características que se realice na Galiza desde o inicio da pandemia da Covid-19. Novo percorrido, controis e menos participantes serán as chaves que servirán de experiencia para outras competicións. 
O medio maratón de 2019 en Pontevedra (Medio Maratón de Pontevedra)
photo_camera O medio maratón de 2019 en Pontevedra (Medio Maratón de Pontevedra)

A cidade de Pontevedra acollerá o vindeiro 18 de outubro o medio maratón organizado conxuntamente pola Sociedade Ximnástica e o Concello. Será a primeira proba de atletismo destas características que teña lugar na Galiza coas actuais circunstancias sanitarias marcadas pola pandemia da Covid-19 polo que se adoptarán medidas especiais para evitar contaxios entre as persoas participantes. O evento introducirá importantes mudanzas mais poderá seguirse en directo aínda que coas medidas sanitarias e de distanciamento social que se aplican na actualidade na cidade.  

Medidas especiais para evitar contaxios na proba 

Tino Fernández, concelleiro de Deportes, admite a Nós Diario que aprobar a súa realización nestas circunstancias foi "unha decisión valente". Admite que tiveron "dúbidas" mais no traballo previo coa Sociedade Ximnástica e o servizo de Deportes municipal viron que a posibilidade de realizala en condicións seguras era viábel. Víctor Riobó, director técnico do evento xunto a Santi Ferreiro Alonso, e membro da Sociedade Ximnástica, asegura a Nós Diario que desde a entidade deportiva estiveron traballando desde o mes de abril con varias posibilidades, mesmo a de realizar unha proba virtual como fixeron outras competicións a nivel mundial.

"O día chave foi o campionato estatal de tríatlon que se organizou en Pontevedra", indica, "foi daquela cando decidimos manter o evento tal e como era", engade. Contaban con ter "plan A, B e C polos cambios que tiveran lugar a última hora". E un deses atrancos foi a caída do patrocinio dunha entidade bancaria que, por sorte, salvouse co apoio do propio concello.

O evento innovará no circuíto cun novo percorrido máis chairo, mais sen a beleza de atravesar a zona vella de Pontevedra. "Aínda temos que perfilar algunhas zonas e facer algúns axustes", sinalaba Fernández. O obxectivo é principalmente cumprir os controis sanitarios e que as xuízas e os xuíces poidan ter máis visibilidade para controlar as persoas corredoras.

Un dos momentos máis delicados da proba por razóns de agrupación de participantes será o a saída. Para este intre, e na busca de aumentar a distancia social entre deportistas, está prevista que se realicen saídas de dous en dous corredores cun intervalo de vinte segundos. Aqueles participantes que teñan mellores tempos sairán antes.Ademais, durante un tramo da carreira seguirán por rúas diferentes adoptando a experiencia do modelo da proba de 1.500 metros. En todo o percorrido haberá un sistema de control para que  non se acheguen a menos de dous metros con excepción dos casos de adiantamentos. Ademais deberán levar a máscara até o pistoletazo de inicio da proba. 

Quendas de inscrición polo empadroamento

Nesta edición as circunstancias aconsellaron a redución de participantes a un máximo de 300, cando nos anos anteriores foron máis de 1.600. "Operativamente unha cantidade superior sería moi difícil de controlar", admite Fernández, "aínda así teremos un número importante de voluntariado colaborando", engade. O responsábel municipal de Deportes cre que "é necesario facer actividades na rúa".

As inscricións realizaranse en dúas quendas. A primeira remata o día 6 de outubro e nela inscribíronse as persoas empadroadas no concello de Pontevedra e tamén as e os atletas federados en clubs deste municipio. A segunda iniciarase esta quinta feira desde as 15 horas e até as 23.59 horas do día 11 de outubro e poderán acceder á inscrición as corredoras e corredores restantes, independentemente do empadroamento. Riobó informa que a primeira parte das inscricións "foi lenta", aínda que contan con rematar todas as prazas dispoñíbeis.

Explica esta circunstancia polo medo que aínda hai entre a poboación a participar neste tivo de eventos con moita xente. Afirma para tranquilizar que "vai ser unha proposta deportiva segura para todas e para todos" e moi participativa na que "non se reservarán para deportistas de elite”, en resposta a algúns comentarios críticos que xurdiron nas redes sociais os últimos días. 

Comentarios