Pontevedra quere albergar a Final do Mundial de Tríatlon

A cidade acollerá esta fin de semana, ademais, o Campionato de España de Tríatlón de Sprint.
Presentación do Campionato de España de Tríatlon Sprint (Concello de Pontevedra).
photo_camera Presentación do Campionato de España de Tríatlon Sprint (Foto: Concello de Pontevedra).

Tras acoller o Mundial Multisport 2019, Pontevedra solicitará á Unión Internacional de Tríatlon (ITU) a organización da Gran Final do Campionato do Mundo de Tríatlon, un evento clasificatorio para os Xogos Olímpicos de 2024 que terán lugar en París, e dos de maior seguimento audiovisual a nivel mundial.

O alcalde da cidade, o nacionalista Miguel Anxo Fernández Lores, asegura que é a proba "máis participada tanto pola elite como polos grupos de idade do tríatlon" e que, de acadar bo porto a solicitude que elaborou a Federación Española de Tríatlon (Fetri), Pontevedra sería "a única cidade do mundo na que se celebrou un Campionato do Mundo de Duatlón, un Mundial Multisport e un Campionato de Europa".

A competición, segundo calcula o concello, traería á cidade "uns 4.000 ou 5.000 deportistas de distintas categorías". Non será doado conseguilo pois diante terán, segundo explican, "cidades das Bermudas ou Canadá". 

Campionato de España de Tríatlon Sprint

Pontevedra reunirá esta fin de semana a máis de 1.350 atletas no Campionato de España Sprint. As probas terán lugar no río Lérez, a contorna da ponte dos Tirantes e o segmento en bicicleta será polas marxes fluviais para todas as modalidades: elite, grupos de idade e paratriatlón.

Os deportistas sénior farán 750 metros a nado, case 20 quilómetros en bicicleta e 5 a pé; as categorías inferiores disputaranse en supersprint, con 250 metros de natación, 6,3 quilómetros de ciclismo e 1,5 a pé. Hoxe comezarán as categorías xúnior, xuvenil e cadete e pola tarde as de elite nunha saída única. Pola tarde as categorías masculina e feminina. O domingo serán as dos grupos de idade e o paratriatlón. 

O proxecto 'Pho3nix Kids Triathlon' de Gómez Noya

Ademais, no marco do Campionato de España de Tríatlon Sprint, desenvolverase tamén a proba inaugural dun proxecto, o 'Pho3nix Kids Triathlon', que vén da man do campión olímpico Javier Gómez Noya.

Nel participarán máis dun cento de rapazas e rapaces de categorías alevín e infantil, con idades comprendidas entre os 10 e os 14 anos, que afrontarán distancias adaptadas aos seus niveis: 150 metros de natación, 3 quilómetros de ciclismo e 1 quilómetro de carreira a pé.

Comentarios