Pontevedra prepárase para o seu quinto 'Saltar na rúa'

O evento será o sábado 28 na Ponte do Burgo.
O atleta Santi Ferrer e o concelleiro Tino Fernández, na presentación. (Foto: Concello de Pontevedra).
photo_camera O atleta Santi Ferrer e o concelleiro Tino Fernández, na presentación. (Foto: Concello de Pontevedra).

Os mellores saltadores e saltadoras galegas do momento xa están preparadas para voar polos aires na espectacular exhibición que ofrecerá un ano máis na cidade de Pontevedra o programa Saltar na Rúa, organizado pola Sociedade Ximnástica de Pontevedra (SXP) en colaboración coa Concellería de Deportes. 

O evento, que este verán alcanza xa a súa V edición, e que inicialmente acollía a Praza da Ferrería, volverá desenvolverse o vindeiro sábado 28 de agosto a partir das 19.30 horas, coa finalidade de evitar posibles aglomeracións, nun escenario tan privilexiado como pouco habitual para a práctica deportiva: a Ponte do Burgo, que albergará por segundo ano consecutivo probas de salto de lonxitude, triplo salto e salto con pértega.

O programa deste Saltar na Rúa 2021 foi presentado na Sala de Prensa do Teatro Principal polo director técnico da Sociedade Ximnástica, Santi Ferrer, e máis polo tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, quen destacou "a importancia de que o atletismo saia ás rúas de Pontevedra nunha iniciativa protagonizada por atletas de primeiro nivel que ten lugar en datas estrañas no que atinxe ao calendario de competición, xa que a tempada finalizou no mes de xullo".

"Trátase dun evento que leva camiño de converterse nun clásico, pois este é o quinto ano consecutivo en que se celebra, a pesar das restricións e dificultades loxísticas que impuxo esta pandemia", sinalou Ferrer. 

Engadiu que "a xente que se achegue á Ponte do Burgo pode estar moi tranquila, pois vai gozar dun espectáculo con toda a seguridade. Só lles pedimos que poñan da súa parte".

Pola súa banda, Santi Ferrer explicou que o evento dará comezo ás 19.30 horas coa exhibición de salto de lonxitude, mentres que as de triplo salto e salto con pértega terán lugar a partir das 20 e as 20.30 horas, respectivamente. 

Entre os e as protagonistas destacadas desta edición, o adestrador e atleta da Ximnástica destacou os seguintes nomes: "David Ferrer (pertencente á SXP), actual campión galego absoluto de lonxitude; Lucía Sánchez del Valle (Escola Atlética Lucense), campioa de España de probas combinadas en categoría Sub-18; ou Alba Cuns (Playas de Castellón), campioa de España Sub-18 en pista cuberta, entre outros". 

Comentarios