Pontevedra e A Pobra tornan nas capitais do atletismo na Galiza

As deportistas Máster e de Trail disputan os campionatos da Galiza
A tricampeoa de España Ana Abuín será un dos grandes atractivos da competición de veteranas. (Foto: FGA).
photo_camera A tricampeoa de España Ana Abuín será un dos grandes atractivos da competición de veteranas. (Foto: FGA).

Intensa fin de semana de programación atlética na que todos os focos estarán situados sobre as localidades de Pontevedra e A Pobra do Caramiñal.

A primeira delas acolle nas instalacións do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) o Campionato da Galiza Máster a partir das 9.45 horas de mañá, proba que se estenderá até o domingo. Alí daranse cita preto de 600 atletas, un número que, segundo salienta a Federación Galega de Atletismo, obriga a seguir mantendo medidas "estritas e rigorosas" para "garantir a seguridade en todo momento".

Unha das máximas atraccións será a de contemplar o intento do récord do mundo do atleta ferrolá do Atletismo Narón, Pepín Rioseco, na categoría M80. Isto prodúcese apenas un mes despois de que o veterano deportista lograra o seu cuarto récord mundial nas pistas do Inef de Bastiagueiro, estabelecendo unha nova plusmarca na categoría dos 800 metros lisos con 2.41.59. Nesta ocasión, o seu obxectivo está posto na distancia dos 1.500 metros, que está en posesión do madrileño Manuel Alonso con 5.47.35.

Ademais de contar con este importante reto deportivo, tamén destaca a participación dos e das diferentes medallistas no último campionato de España, desenvolvido na localidade gaditana de San Fernando, a finais do mes de outubro do ano pasado. Entre eles atópase o medallista internacional e plusmarquista galego da distancia, Juan Morales del Castillo (Marineda), quen estará tomando a saída sobre a proba dos 5.000 marcha.

Na categoría feminina, pola súa banda, brilla a presenza da medallista internacional Esther Pedrosa na F60 -quen competirá nas probas dos 400 e 1.500 metros lisos, nos que recentemente estabeleceu un novo récord Estatal cun rexistro de 5.42.18- e a da atleta do Burgas Ourense Luz María Domínguez, quen competirá con Pedrosa nos 400 metros.  

No sector dos lanzamentos, Santiago Ferreiro Marzoa, do Atletismo Santiago, estará tomando parte tanto en martelo como en martelo pesado na M35, mesma combinación que realizará o actual campión galego absoluto de combinadas M60, Carlos Ferrer (Atletismo Narón) na M60. Tamén é salientábel no marco desta modalidade a presenza da tricampeoa de España Ana Abuín (Atlética A Silva), e de Fran Guzmán (Atletismo Sada), vixente campión da Galiza absoluto de disco e do Estado en peso.

VI Campionato Xunta da Galiza de Trail

A Federación Galega de Atletismo (FGA) organiza este domingo na Pobra do Caramiñal a través da súa Delegación en Compostela, e en colaboración ca Asociación Deportiva do Barbanza, o VI Campionato Xunta da Galiza de Trail.

Esta cada vez máis importante e numerosa cita disputarase tanto na modalidade de individual como na de por equipos, e na que logo do paréntese obrigado do ano pasado, volve con máis forza que nunca cunha participación de preto de 100 participantes.

Entre elas é salientábel a presenza do campión galego absoluto da última edición, Rubén Martínez, do Atletismo Negreira, quen terá que defender o seu título diante do seu irmán Carlos Martínez, subcampión galego no ano 2019. Con respecto ás mulleres, semella previsíbel un man a man polo triunfo final entre Eva de la Fuente (Brión-Hyundai) e Montserrat Carreira (Comesaña SC).

Comentarios