Pontevedra festexa que faltan 200 días para ser a capital do tríatlón

Izan a bandeira da conta atrás das Series Mundiais de Tríatlon. O evento foi unha festa que rematou cun concerto das Tanxugueiras.
Izado da bandeira en Pontevedra (Foto: Concello de Pontevedra).
photo_camera Izado da bandeira en Pontevedra (Foto: Concello de Pontevedra).

Pontevedra viviu onte a festa de izado da bandeira que sinala á cidade como sede da Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon. No lugar escollido, a praza de España, elevouse o símbolo internacional da competición que en setembro converterá á cidade do Lérez no centro mundial dun dos deportes máis duros e exixentes en competición. 

O acto, dirixido polo xornalista Rodrigo Vázquez, tivo o seu apartado artístico a través dunha perfomance preparada para a ocasión por Pablo Méndez. Ademais, contou cun apartado institucional no que participaron o Concello, a Xunta da  Galiza e a Deputación de Pontevedra.

Tamén asistiron figuras deste deporte como  Susana Rodríguez Gacio, actual campioa do mundo de paratriatlon, Natalia Castro Santos, Mónica Flores Ferreiro e Pablo Dapena. O evento rematou contra o serán cun concerto das Tanxugueiras. 

Acto institucional

O alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores, lembrou no seu discurso que “en 200 días, Pontevedra volverá ser referente, volverá escribir un novo capítulo da súa historia como primeira cidade do país e do Estado en acoller a Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon”.

O rexedor sinalou que con esta cita dos días 23 e 24 de setembro “poden achegar máis de 10.000 persoas até Pontevedra” nun evento deportivo que “hai 10 anos nin soñaríamos con facer”.

Por este motivo, salientou que “esta proba é unha recompensa que o traballo conxunto fixo posíbel, o traballo entre institucións, técnicos deportivos, traballadores do día a día e corpos municipais”. O alcalde rematou colocando como exemplo ás Tanxugueiras “unhas mulleres que confiaron no seu talento, e no poderío que ten este país”.

En representación da Xunta falou o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, para reivindicar que a Galiza e Pontevedra son “unha das mecas do tríatlon mundial” tanto pola calidade dos deportistas galegos como polas probas que se organizan.

Comentarios