Até o 4 de maio

Pontevedra, capital mundial do tríatlon

O ITU Multisport Festival de Pontevedra fai da capital do Lérez o epicentro do deporte, pois vanse disputar até cinco campionatos do mundo nun evento que vai alén do tríatlon e que contempla un gran programa de actividades para todos os públicos.

[Imaxe: @TRIATLONSP] Cerimonia inaugural
photo_camera [Imaxe: @TRIATLONSP] Cerimonia inaugural

D5F_jn4X4AACGRCPontevedra acolleu a pasada sexta feira a cerimonia inaugural da festa do tríatlon, que congrega máis de 4.000 deportistas de até 54 delegacións diferentes. Tomaron a palabra a triatleta local Saleta Castro, a adestradora Alba Cuba e a xuíza Mónica Flores, que realizaron os tradicionais xuramentos dos diferentes estamentos do tríatlon pedindo xogo limpo e deportividade. Participaron, ademais, o alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, o presidente da Federación Española de Tríatlon, Javier Hidalgo, e a presidenta da Federación Internacional, Marisol Casado.

A música tradicional e a performance de Pablo Méndez puxeron a nota festiva á xornada de partida dos cinco mundiais que se van disputar durante a próxima semana en Pontevedra: Aquatlón, Tríatlon de longa distancia, Tríatlon Cross, Duatlón e Aquabike.

Unha das citas máis esperadas co deporte terá lugar o día 4, cando o multipremiado Javier Gómez Noya, “sairá gañar” na proba de tríatlon de longa distancia. Ademais, Pablo Dapena tratará de revalidar o título de campión do mundo de tríatlon de longa distancia na súa cidade. O deportista afirmou ao respecto: “vai haber moito nivel, vai ser unha carreira complicada, mais o traballo está case feito”.

O Concello de Pontevedra calcula que máis de 10.000 persoas visitarán a cidade durante os próximos días. A música acompañará o deporte, con sete espectáculos que decorrerán na avenida Montero Ríos e no recinto feiral. A programación conta coas actuacións do grupo de rock Malkeda, da Orquestra Panorama, de Mercedes Peón, do Grupo Claxxon, de DJ Baiuca e de Dr. Queen.

O Concello de Pontevedra leva meses traballando no dispositivo de seguridade e na organización deste evento que suma cinco campionatos do mundo. O alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores, puxo de manifesto ao respecto que “o traballo de moitos meses, mesmo anos, por parte de moitas persoas, permitiu que todo estea perfecto a estas horas”. O rexedor nacionalista agradeceu a implicación de “moitos colectivos da cidade” e salientou que o evento “preparouse da mellor maneira posíbel e só podo estar orgulloso da miña cidade”.

Comentarios