Poderío galego no once ideal da Liga Guerreiras de balonmán

A porteira Marisol  Carratú, a central Carmen Campos, a lateral dereito  Paulina  Buforn, o técnico José Ignacio Prades e a pivote África Sempere polas súas calidades defensivas son as candidatas do  Mecalia Atlético Guardés para o equipo ideal da liga Guerreiras Iberdrola 19/20. 
O Atlético Guardés aspira a todo nos premios da Liga
photo_camera O Atlético Guardés aspira a todo nos premios da Liga (Foto: Nós Diario).

A Real Federación Española de Balonmán ( RFEBM) abriu durante a xornada de onte as votacións para as once categorías propias do deporte -as sete posicións clásicas, Mellor Defensora, Mellor Nova Promesa, Mellor Adestrador e  a MVP-, e os afeccionados e afeccionadas poderán votar até o vindeiro día 8 de xuño.

A tempada 2019-2020, concluída con 16 xornadas disputadas, coñecerá aos seus nomes máis destacados logo da publicación do listado de candidatas, que é resultado dunha primeira criba realizada exclusivamente polos adestradores dos 12 equipos que disputaron esta tempada a Liga Guerreiras.

A porteira Marisol Carratú, a central Carmen Campos, a lateral dereito Paulina Buforn, o técnico José Ignacio Prades e a pivote África Sempere polas súas cualidades defensivas son as candidatas do Mecalia Atlético Guardés para o equipo ideal da Liga Guerreiras Iberdrola 19/20.

Desde a  RFEBM apuntan que cada xogadora ou adestrador nomeado contará cun vídeo que servirá como carta de presentación e como obxecto para as votacións tanto na web como nas respectivas redes sociais da liga Guerreiras Iberdrola.

Haberá ata cinco vías para votar, e o resultado final obterase a través da suma das seguintes porcentaxes:

App  RFEBM | Supoñerá 60% dos votos totais. Poderán votar tanto usuarias xa  rexistradas como novas usuarias, cunha aplicación que pode descargar a través de  iOS e Android.

Twitter | Supoñerá 10% dos votos totais. Teranse en conta a cantidade de rechíos que reciba cada vídeo subido ao perfil oficial da Liga Guerreiras Iberdrola. En caso de empate, atenderase ao número de gústame dos vídeos implicados.

Facebook | Supoñerá 10% dos votos totais. Teranse en conta a cantidade de compartidos que reciba cada vídeo subido ao perfil oficial da liga Guerreiras Iberdrola. En  caso de empate, atenderase ao número de gústame dos vídeos implicados.

Instagram | Supoñerá 10% dos votos totais. Teranse en conta a cantidade de gústame que reciba cada vídeo subido ao perfil oficial da Real Federación Española de Balonmán.

Youtube | Supoñerá 10% dos votos totais. Teranse en conta a cantidade de  reproducións que reciba cada vídeo subido á canle da Real Federación Española de Balonmán.

Comentarios