Pleno de vitorias dos representantes galegos no futebol de elite

O Celta puxo terra de por medio a respeito do descenso, o Deportivo recuperou o liderato e o Lugo encadeou o segundo trunfo consecutivo.

Boa colleita para as equipas galegas de elite nesta fin de semana. As boas noticias comezaron a sexta feira en Balaídos, coa vitoria dos de Luis Enrique por 4-2 face o Betis. Charles, Orellana (2) e Nolito marcaron para os celestes, que foron quen de remontar o 0-1 asinado por Rubén Castro, autor do outro tanto bético.

O Celta suma xa 22 pontos, após 6 vitorias, 4 empates e 11 derrotas. Totaliza 27 goles a favor de 34 en contra. Está tres pontos por enriba da fronteira que deslinda a permanencia do descenso.

A evolución do xogo celeste nas últimas xornadas está a ser moi positiva. Ao tradicional bon tratamento da bola, os de Luis Enrique engadiron nas últimas semanas o instinto asasino perante a baliza rival sen o cal ninguén dá un euro por ti nunha das ligas maiores. Hai que salientar a este respeito o estado de graza en que vive Orellana.

A sociedade Salomão-Luisino

O Deportivo saiu da súa má xeira de resultados (levaba 5 xornadas sen gañar) grazas a un gol no tramo final do seu choque perante o Córdoba, en campo alleo. Asinouno Borja Bastón, mas a autoría hailla en realidade que atribuír a un dueto que se estreou en terras andaluzas e que pode dar moito xogo: a sociedade que na banda esquerda forman Salomão e Luisinho.

O choque estivo presidido polo tacticismo e pola loita polo control do centro do campo. Aí comezou a se impor o Deportivo. Fernando estreou un duplo pivote de carácter conservador, unha malla protectora constituída por Wilk e Bergantiños. O centrocampista polonés exhibiu un enorme despregamento físico. Por diante deles oficiou como media punta JuanDo.

A má nova do encontro foi a lesión, nunha xogada de aparencia inofensiva, de Lux, que apoiou mal nun chouto face un dianteiro rival. Aínda non hai un diagnóstico definitivo sobre a mancadura. O porteiro retirouse entre bágoas.

O talento de Setién

E mentres, o Lugo encadeaba a súa segunda vitoria consecutiva, desta volta a custa do Barcelona B. Marcou o de case sempre, Rennella. O Lugo continúa fiel a si propio e o mellor que se pode dicer da equipa que treina Setién é que soubo estar á altura das circunstancias anímicas nestas semanas atrás, cando viñeron mal dadas. Aí é onde loce o talento dun treinador, capaz de inculcar no vestiario a idea de que resistir (non torcer a cara malia os maos resultados) é gañar.

O Lugo suma 33 pontos, produto de 9 victorias, 6 derrotas e 8 empates. Unha curiosidade: marcou máis goles (25 face 24) do que o líder Deportivo. Por contra, encaixou ben máis goles: 24 face 16.

As fotografías están tirados dos webs de Celta, Deportivo e Lugo.

Comentarios