O piragüismo galego apura as súas últimas opcións de estar en Toquio

O preolímpico dilucidará as derradeiras prazas libres
O tándem formado por Antía Jácome e Antía Otero aspira a certificar mañá a súa presenza nos Xogos. (Foto: Fegapi).
photo_camera O tándem formado por Antía Jácome e Antía Otero aspira a certificar mañá a súa presenza nos Xogos. (Foto: Fegapi).

A localidade húngara de Szeged acolle desde o día de hoxe e até mañá o torneo preolímpico no que se dilucidarán as derradeiras prazas para participar nos Xogos Olímpicos de Toquio 2021, ás que aspiran un total de cinco deportistas galegas na categoría de sprint e o barbanzano Adrián Mosquera na modalidade paralímpica.

O C1 do canoista do Morrazo David Barreiro será o primeiro en entrar en competición, pois tomará a saída na serie inaugural clasificatoria dos 1.000 metros ás 10.40 horas de hoxe, estando obrigado a finalizar entre os tres primeiros postos para acceder a unha final onde tan só hai unha praza libre para Toquio. De conseguilo, tería nos padexeiros de Italia, Hungría, Bulgaria, Moldavia e Ucraína aos seus principais rivais.

Pola súa banda, o K2 500 metros de Sara Ouzande e Carolina García debuta ás 16.15 horas de hoxe nunha Heat II na que tentarán meterse na final de forma directa. A súa competencia máis importante será a embarcación de Alemaña, a gran favorita para conseguir o triunfo  final.

Xa no día de mañá, Adrián Mosquera buscará conseguir un oco entre os tres mellores na VL3 200 metros, estando programada a competición ás 15.15 horas da tarde. Case dúas horas despois, concretamente ás 19.04, Antía Jácome e Antía Otero entrarán en competición para disputar a final, na que será a única regata de toda a proba na que están en xogo dous postos nos Xogos Olímpicos. 

Éxito galego no Estatal de Maratón en Pontevedra

A chegada da primavera trouxo consigo a reactivación dos deportes náuticos, proliferando con profusión probas por toda a xeografía galega. Así, Pontevedra acolleu a XXV edición do Campionato de España de Maratón, no que participaron máis de 650 deportistas pertencentes a 88 equipos diferentes.

A clasificación xeral por equipos rematou co Club Náutico Pontecesures na segunda posición con 329 puntos, pouco menos de 100 por detrás do Club Escola Piragüismo Aranxuez, que sumou 420. O terceiro chanzo no podio estivo ocupado por outro conxunto galego, a Escola Piragüismo Cidade de Pontevedra, con 256 puntos, quedando ás portas da gloria Club As Torres, que finalizou en cuarta posición (234).

Individualmente, sobresaíron as actuacións de Jenifer Casal, Tono Campos e Iván Alonso. A pontevedresa impúxose na proba de C1 á padexeira do Naútico O Muíño María Pérez, á que superou na liña de meta en máis dun minuto e medio. 

Con respecto a Iván Alonso (Piragüismo Olívico) este logrou un brillante triunfo no K1 logo de saír vitorioso nun dos sprints máis espectaculares que se recordan, no que até catro deportistas loitaron polas tres medallas en xogo, facéndose coa prata os asturianos Miguel Lloréns e Walter Bouzán. Ademais, Alonso complementou este ouro cun bronce no K2 compartido co seu compañeiro de club Jaime Sobrado, após finalizar por detrás do devandito Miguel Lloréns (ouro) e Alberto Plaza (prata).

Finalmente, Tono Campos reconciliouse coa gloria tras conseguir o triunfo no C1 case ano e medio despois da súa última medalla na modalidade de maratón. O veterano grovense logrou superar Fernado Busto (As Torres) e Manuel Garrido (Kaiak Tudense), garantíndose así unha praza no inminente Campionato de Europa, que se disputará en Moscova no vindeiro mes de xullo.

Comentarios