Pilar Barros, campioa do mundo de vídeo submarinismo: "Somos como depredadoras que coleccionan imaxes"

Tres veces campioa estatal, seis do mundo e un obxectivo: facerse co título europeo en Madeira no ano 2022. Esa é a misión da pontevedresa Pilar Barros (1969), que xunto co seu compañeiro Jorge Candán continúa brillando con luz propia nunha peculiar disciplina que combina arte e submarinismo.
Jorge Candán e Pilar Barros forman equipo no deporte e na vida. (Foto: Nós Diario).
photo_camera Jorge Candán e Pilar Barros forman equipo no deporte e na vida. (Foto: Nós Diario).

En outubro de 2021 vostede e Jorge Candán conquistaron por terceira vez o Campionato do Mundo de Vídeo Submarinismo, que se disputou na illa de Madeira, e fixérono cun vídeo titulado 'Ocean Matrix'. En que consiste esa disciplina que practica vostede e na que se axunta o submarinismo con modalidades artísticas como son o cinema e a fotografía?

Os campionatos de vídeo submarino consisten na realización dun vídeo de entre catro e seis minutos contando unha historia. Teñen que ter un guión, e as imaxes deben estar gravadas debaixo da auga. 

Mergullámonos durante dous días, repartidos en catro inmersións, e facémolo todos e todas as participantes xuntas ao mesmo tempo, para estar nas mesmas condicións no referente ao espazo marítimo. E despois, neses mesmos días pero xa pola tarde, dentro dunha sala cun ordenador, cada equipo vai editando as imaxes que gravou pola mañá e realizando a súa película de acordo co guión que preparou co obxectivo de presentala ao xurado.

Ese xurado responde a criterios obxectivos ou subxectivos?

Como en toda actividade artística, a subxectividade sempre está presente e conta moito, pero está todo bastante estandarizado, pois teñen que acollerse a un baremo no que valoran determinados aspectos do regulamento. Teñen en conta as partes do guión, da arte, da técnica das imaxes, da variedade de fauna mariña, a calidade da paisaxe...

De onde lle vén esta paixón?

Sempre me chamaron a atención os deportes na natureza. Eu estudei Ciencias da Actividade Física e do Deporte, e xa na carreira comecei a probar actividades ao aire libre. Despois, cando rematei fixen un curso de submarinismo e gustoume moitísimo. Xa dentro do que é o submarinismo, o vídeo e a fotografía convertéronse na miña prioridade, e non moito despois introducinme no mundiño dos concursos, nos que somos como depredadores que coleccionan imaxes, algo moi atractivo.

Canto lle esixe a nivel de adestramento, esforzo físico e tempo?

Non é unha actividade moi esixente fisicamente. De feito, penso que o máis esixente pode ter lugar fóra da auga, coas manobras de transporte de materiais e equipos, pero dentro da auga pode practicala todo o mundo. É incluso relaxante, porque te deixas levar e gozas, independentemente da túa condición física, polo que está ao alcance de calquera idade. 

Este deporte tamén ten un plano medioambientalista que semella esixir unha sensibilidade especial...

Si, no meu caso particular, desde pequena gustei da natureza e dos deportes na mesma, como comentaba antes, xa sexan caiac, esquí, ciclismo ou escalada, de todo o que implicaba contacto coa natureza e movemento nos máis diversos medios. Para min é moi especial fixarme na flora, na fauna e en todas aquelas cousas con valor biolóxico.

Vostede compite xunto con Jorge Candán, a súa parella non só deportiva, senón na vida. No inicio desta entrevista lembrábamos o seu terceiro título mundial, ao que se unen seis estatais. Que lles queda por facer?

Seguir (ri). Seguir gozando do deporte, que é do que se trata, porque cada experiencia e cada proba teñen o seu valor e a súa dificultade. O noso obxectivo para 2022 é regresar ao Campionato de España e estrearnos no de Europa, que será en outubro en Madeira.

Comentarios