Pescados Rubén Burela e Ourense Envialia optan ao trono da Galiza

Narón acolle hoxe a gran final da Copa de fútbol sala
Trofeo da Copa Galiza de Fútbol Sala (Foto: Futgal).
photo_camera Trofeo da Copa Galiza de Fútbol Sala (Foto: Futgal).

A tensa espera chega á súa fin. Narón xa vela armas para ser testemuña da gran festa do fútbol sala feminino con motivo da disputa da gran final da XIV Copa Galiza de fútbol sala, que disputarán hoxe ás 17 horas no Pavillón da Gándara Pescados Rubén Burela e Ourense Envialia.

Coas cámaras da TVG2 retransmitindo un evento que contemplarán as 200 espectadoras autorizadas para presenciar o partido e que enfronta dous dos representantes galegos na elite do fútbol sala feminino estatal, ambos os equipos reeditarán, ademais, a eliminatoria de cuartos de final da Copa da Raíña que recentemente se desenvolveu en Madrid e que concluíu co triunfo das Guerreiras Laranxas.

A escuadra da Mariña, convertida nunha máquina de conquistar títulos, busca seguir colapsando a súa avultada sala de trofeos coa que sería a súa sexta Copa da Galiza, torneo do que é a vixente campioa.

O Ourense Envialia FSF, pola súa banda, non ten problema en dar o papel de favorito ao bloque preparado por Julio Delgado. Sen presión e coa ambición por bandeira, as de Gonzalo Iglesias 'Morenín' plantaranse en Narón con ganas de dar batalla na procura da que sería a súa quinta Copa Galiza.

O camiño cara a final

Os dous equipos chegan á final do Pavillón da Gándara despois de completar un gran percorrido. O vixente campión eliminou nas semifinais o Viaxes Amarelle da Coruña, mentres que o Ourense Envialia superou Poio Pescamar. Cómpre salientar, ademais, que a de Narón será unha reedición da última final da Copa Galiza que se disputou no Palacio dos Deportes de Riazor. Entón, as Guerreiras Laranxas leváronse o título tras gañar por 3-0 ás da cidade das Burgas.

Comentarios