Pere Tobaruela: "O deporte reflicte a nosa sociedade. Vivimos nun capitalismo furibundo no que non hai grises"

Pere Tobaruela, catalán de nacemento e galego de adopción, compaxina a súa profesión como escritor coa paixón polo deporte. Pasou polo atletismo, cun bronce no campionato galego absoluto en pista de 2009, e polo fútbol gaélico, entre outros. Xogador e adestrador, agora comeza unha nova andaina nun proxecto deportivo de fútbol feminino en Villestro, Compostela.   
O escritor, deportista e adestrador de fútbol feminino Pere Tobaruela (Nós Diario).
photo_camera O escritor, deportista e adestrador de fútbol feminino Pere Tobaruela (Foto: Nós Diario).

Que teñen en común os libros e o deporte?

Ambos os casos son carreiras de fondo. Escribir un libro e facer deporte son actividades que demandan persistencia para conseguir chegar á meta, sexa para crear unha novela ou para realizar un proxecto deportivo. Por outro lado, para min son necesidades vitais. Preciso comunicar, escribir e cultivar o corpo. Comunicar e expandirme fisicamente, darlle ao corpo movemento. Se quixese resumilo sería coa locución latina mens sana in corpore sano.

Do atletismo ao fútbol, pasando polo fútbol gaélico. Como explica ese contacto con varios deportes?

Ten conexión común coa miña actitude vital, que fixo que me dedicara á literatura tocando moitos xéneros e escribindo para todas as idades. O feito do cambio. No deporte é exactamente o mesmo. Eu non son practicante temperán dun deporte, son tamén adestrador temperán de varios deportes. Sempre mesturei ser deportista con adestrar. Pasoume co atletismo, co tenis, co fútbol gaélico e agora co fútbol. Na variedade está o gusto e o enriquecemento. No fondo é ver a vida desde moitas perspectivas e tentar ilusionar e compartir, sexa para ensinar ou para aprender. 

A implicación, neste caso no deporte, fixo que tamén pasase por participar en directivas de clubs e asociacións?

É a miña actitude relacionada co ámbito social. En Catalunya está moi desenvolvido o asociacionismo e eu, estea onde estea, remato por implicarme activamente en funcións directivas, mais que en realidade é de traballador en varios proxectos deportivos, non podo evitalo. É dar un paso e axudar dunha maneira altruísta. Nun club ou nunha asociación veciñal o traballo é escuro, anónimo e ingrato aínda que moi satisfactorio para a sociedade en xeral.

Que pensa cando se fala das directivas das altas categorías nalgúns deportes que moven moito diñeiro? 

O deporte reflicte a nosa sociedade. Vivimos nun capitalismo furibundo no que non hai grises, hai brancos ou negros. Xente que ten moitos cartos e xente que ten poucos. No deporte pasa o mesmo. Se tivesemos que deixar de participar por esa razón, parariamos. A nosa é unha tarefa tan xorda e tan consciente de que por moito que fagas nunca serás retribuído como mereces, que teño claro que o fago porque me peta. Se as persoas anónimas parasen, pararía o mundo. 

Cóntenos como é ese novo proxecto de fútbol feminino na SD Villestro? 

Pasei polo Vitoria e o Friol e rematei no Villestro, ao carón da casa, onde atopei xente traballadora que acolleu a miña idea de que as rapazas podían ter oportunidade de entrar a practicar o fútbol con 8 ou 9 anos para desenvolver toda a súa traxectoria no mesmo club, igual que calquera rapaz. Non é outra cousa que igualdade de oportunidades. Creamos un proxecto deportivo con ese propósito. A propia sociedade ten unha visión deformada do fútbol. Como deporte non é nin malo nin bo, é un deporte máis con transcendencia social. Ollamos demasiado cara ao fútbol profesional cando hai o amador, que é moi enriquecedor.

Como ve o fútbol feminino en xeral?

O fútbol feminino está estruturado como o masculino, por categorías. Creo que ten que facer un esforzo por diferenciarse do masculino. As mulleres ven o mundo doutra maneira e debería tratarse doutra maneira. A desigualdade agora mesmo é brutal, sería o primeiro a corrixir. Acontece cos salarios das profesionais. Ten futuro, mais nós non o veremos.

Comentarios