Peleteiro abre a veda dos metais

Tardou en chegar, pero de que modo! Facendo historia, Ana Peleteiro abriu a conta das medallas da Galiza en Toquio 2020, e a festa ameaza con seguir, pois a vela, o piragüismo, o fútbol ou o propio atletismo con Adrián Ben ofrecen opcións moi reais de elevar o país nun medalleiro no que ocuparía o posto 75 de 204.
Ana Peleteiro SportMedia  Europa Press
photo_camera Nun concurso lendario, a de Ribeira conseguiu o primeiro metal na historia do atletismo galego (Foto: SportMedia / Europa Press)

Galiza, por fin, irrompeu no medalleiro dos Xogos Olímpicos e, cun pouco de sorte, en breve o bronce de Ana Peleteiro no triplo salto podería estar acompañado por até dous metais máis, grazas a Támara Echegoyen e Iago López Marra na vela.

Ambas as deportistas disputarán esta madrugada cadansúas 'Medal Race', a regata definitiva na que se dilucidaron as medallas. Quen o ten máis complicado é a ourensá, pois parte na cuarta posición con 78 puntos, por detrás de Alemaña (73), Países Baixos (71) e Brasil (70), aínda que, afortunadamente, na 'Medal Race' os puntos teñen valor dobre, polo que o soño da remontada faise máis plausíbel.

Iago López e o seu compañeiro Diego Botín, pola súa banda, afrontan un escenario algo máis doado para lograr a medalla, na terceira posición empatados a 56 puntos cos segundos clasificados e a tan só catro dos líderes, Nova Zelandia, ademais de contar cunha cómoda renda de 10 puntos sobre a cuarta praza.

No caso desta madrugada confirmarse algunha destas dúas opcións, uniríanse ao histórico bronce de Ana Peleteiro no triplo salto, no que foi o primeiro metal olímpico galego na modalidade de atletismo, fazaña que ten o mérito engadido de producirse no marco dun concurso de altísimo nivel, no que a gañadora, Yulimar Rojas, rachou primeiro co récord Olímpico e despois co Mundial, e a propia Ana Peleteiro viuse obrigada a mellorar por dúas veces a súa Mellor Marca Persoal e récord de España para lograr superar á xamaicana Ricketts, cuarta clasificada.

Cara ou cruz para Rodrigo Corrales e Alberto Abalde

A xornada da terza feira, 3 de agosto, nos Xogos Olímpicos tamén depara dous épicos choques con protagonismo galego. Por un lado, Alberto Abalde enfrontarase á multitude de estrelas NBA nos cuartos de final do baloncesto, mentres que Rodrigo Corrales agarda poder frear o poderío sueco para clasificarse para as semifinais do balonmán, rolda na que xa está Iván Villar no fútbol, aínda que o porteiro do Celta será suplente ante os anfitrións do Xapón.

Comentarios