Este 29S

O Pazo Provincial de Pontevedra acolle a V Gala do deporte feminino galego

Como ben adiantamos, a V Gala do deporte feminino galego celébrase este ano en Pontevedra, e xa sabemos data, lugar e hora, amais dos nomes das premiadas. Tamara Echegoyen, Ángeles Barreiro, Susana Rodríguez ou Irene Blanco serán algunhas das protagonistas esta sexta feira.

Tamara Echegoyen, nos XXOO de Río 2016 Foto: Cedida
photo_camera Tamara Echegoyen, nos XXOO de Río 2016 Foto: Cedida

A cita terá lugar no Pazo Provincial da Deputación de Pontevedra a partir das 20.30 horas. No transcurso do evento, organizado pola Deputación Provincial e a Asociación de Mulleres Deportistas Galegas (Mudega), procederase á entrega dos premios do deporte feminino galego correspondentes ao ano 2016. Estes galardóns buscan dar recoñecemento ante a sociedade aos éxitos do deporte feminino e das nosas deportistas, que son moitos e moi importantes. O pasado 5 de setembro reuniuse o xurado para estudar as candidaturas presentadas e elixir as premiadas.

Támara Echegoyen, campioa do mundo en 2016 e olímpica en Río na modalidade de vela, na que rozou o metal ao rematar en cuarta posición, foi elixida como mellor deportista galega. Irene Blanco, subcampioa de Europa Sub-15, campioa de España Sub-15, Sub-17, subcampioa de España júnior e bronce sénior, na disciplina de halterofilia terá o galardón que a acredita como mellor deportista promesa. E Susana Rodríguez Gacio, bronce no Europeo de tríatlon, ouro no Mundial de duatlón e quinta nos Xogos de Río, foi elixida mellor deportista con discapacidade do ano 2016.  

Mentres, a mellor equipa é para o Breogán do Grove de piragüismo feminino, que logrou o título da I Liga Nacional de Sprint Olímpico Feminino (sénior e xuvenil) e a Copa da Raíña Sénior de Sprint Olímpico. O xurado foi unánime ao outorgar o premio á mellor traxectoria deportiva a Ángeles Barreiro –olímpica en Barcelona 92–, unha das pioneiras do deporte galego, lanzadora de disco, once veces campioa estatal e 61 veces internacional. A adestradora de esgrima Ruth Ballesteros foi elixida como mellor adestradora polo gran traballo que está a realizar coas rapazas e cos rapaces que adestra, tanto na Federación Galega de Tríatlon e Péntatlon Moderno coma no seu club ‘100 Tolos’. Amais, María Bautista, árbitra de taekwondo, acadou o premio á mellor xuíza, presente en todos os campionatos de España e varias probas internacionais, quedou ás portas da clasificación para os Xogos de Río. Rosa Patiño, a eterna secretaria do Celta de baloncesto feminino, foi elixida como mellor directiva polo seu traballo no clube durante máis de vinte anos.

O premio para a entidade privada máis colaboradora vai para Pescamar, patrocinadora do Poio FS Feminino, do Clube Baloncesto Arxil Feminino ou do Pontevedra FS Feminino. O xurado decantouse por ela “porque colabora de forma activa co deporte desde hai varios anos e son moitos os clubes femininos que contan co seu apoio económico”. No referente ao gremio, o xornalista/medio de comunicación amigo foi para Paula Montes e Óscar Losada, ambos cunha longa traxectoria profesional na que amosaron a súa sensibilidade para recoñecer os méritos do deporte feminino de forma igualitaria.

Mencións especiais e homenaxe ás olímpicas en Río          

                  

Ao coincidir os premios con ano olímpico, o xurado decidiu homenaxear na gala a todas as deportistas galegas presentes en Río. No transcurso da gala, tamén se entregarán tres mencións especiais: a Teresa Martínez Cancelo, árbitra de hoquei patíns que acaba de retirarse após de vinte anos na elite da arbitraxe, a Cristina Fernández Piñeiro, primeira árbitra que dirixiu un partido da máxima categoría do balonmán masculino estatal e a primeira árbitra internacional, e a Pilar Neira, fundadora de Mudega que abandonou o cargo após de dez anos ao fronte deste colectivo.

Comentarios