Paula Dapena, futbolista: "O fútbol é o deporte máis machista de todos"

A valentía da acción de Paula Dapena deu a volta ao mundo. Dar as costas a Maradona de maneira pública cando se lle rendía un minuto de silencio no encontro entre o seu equipo, o Viaxes InterRías FF, e o Deportivo Abanca, converteuse en símbolo dun debate que no fútbol está aínda moi lonxe de terse superado. Ninguén mellor que unha futbolista saída dunha familia con referentes nesta actividade física para defender esta causa nos campos de xogo.
A xogadora Paula Dapena (Almudena Dapena)
photo_camera A xogadora Paula Dapena (Foto: Almudena Dapena)

Tivo experiencias de discriminación neste deporte desde que comezou?

Xogaba con rapaces e notaba moitas veces que non me pasaban o balón por ser unha rapaza. Tamén vin moitos pais que non admitían que era mellor que os seus fillos. Tiven moita sorte cos meus adestradores, que sempre apostaron por min e axudáronme no meu percorrido neste deporte.

Que se debería facer para eliminar a discriminación no fútbol?

Creo que é un problema social. Mentres haxa máis machismo na sociedade os deportes seguirán a ser un reflexo dela. O fútbol é, para min, o deporte máis machista de todos porque ao final é o máis coñecido, o deporte rei. Iso non axuda. Noutros deportes como voleibol ou baloncesto hai máis igualdade e non se escoitan tantos comentarios como “as mulleres á cociña” ou “vai fregar”. 

Queda moito por facer, mais loitando pódense conseguir moitas cousas. Mesmo este ano dixeron que se profesionalizaría a Primeira División feminina polo que se están a conseguir adiantos. Con sorte chegaremos ao mesmo nivel do masculino.

A súa acción podería levala a cabo outras e outros deportistas. Sería importante que as figuras máis coñecidas fixesen algo semellante?

Si, creo que as persoas que teñen máis visibilidade son as que realmente teñen que facer este tipo de accións. Son referentes de moitas nenas e nenos, que son os que cambiarán o mundo. É certo que hai moito medo polas consecuencias que teña na sociedade, sobre todo no ámbito laboral. Por sorte no meu club teño o apoio de todos e non haberá consecuencias, mais non é así para todo o mundo.

Outra das consecuencias foron as ameazas a nivel nacional e internacional. Puxéronse en contacto con vostede as autoridades para solucionar ese tema?

Non se puxeron en contacto. Mantiven reunións con varios políticos que me ofreceron a súa axuda. Tiven ameazas bastante graves, de morte e violación, e tomarei medidas. Malia que é moi difícil, algunhas das ameazas son doutros continentes. 

A competición volve para o seu equipo o vindeiro 13 de decembro en Pontevedra. Agarda que haxa algún tipo de reacción nese encontro?

A miña vida segue igual. É probábel que haxa moita prensa, mais público non haberá pola situación sanitaria. O club retransmite o partido e veremos se tivo repercusión no ámbito deportivo e se a xente comeza a seguir máis o fútbol feminino. 

Comentarios