Paso adiante do Celta na Copa e exitoso asalto do Dépor ao liderado na Liga

Boa fin de semana para as equipas galegas. Santi Mina festexou o seu 18 cumpreanos desequilibrando o choque copeiro en Balaídos perante un bon Athletic. O Dépor probou por vez primeira con dous puntas en Riazor e, non sen apuros finais, fíxose co liderado, após se desfacer do Alavés.

celtic
photo_camera celtic

Santi Mina ten todo para trunfar. Aptitudes técnicas e descaro. Un futbolista sen complexos, dos que nunca din non a unha xogada. Así, da porfía, e do seu sentido para a desmarcaxe, naceu o gol que no minuto 71 puña o Celta en avantaxe face o Athletic Club, a única equipa que neste curso foi quen de derrotar o Barça de Martino.

O 1-0 fixo escasa xustiza a un choque que debeu deitar máis goles. Non foi así, entre outras cousas, porque Balaídos asistiu a un notábel duelo de garda-mallas. Sergio e Herrerín, enormes baixo paus.

2 puntas ao fin en Riazor

Mentres, en Riazor o Deportivo por vez primeira no campionato comparecía con vocación de equipa de casa. Deixou no vestiario o 4-1-4-1 das primeiras 16 xornadas de Liga e puxo en liza a dupla Luís Fernández-Borja Bastón. Desde un ortodoxo 4-4-2, entregou o carril dereito a Juan Carlos e probou a ocupar o campo contrario, a ver que acontecía.

E o que aconteceu non estivo mal: o Dépor probouse a si mesmo que, se controlas ti a bola, o rival tampouco che fai ocasións. Por vez primeira na temporada, e despois dos goles de Juan Carlos e Borja, este último após asistencia maxistral de JuanDo, parecía que Riazor ía viver unha vitoria plácida. Pois non. A equipa perpetrou un penalti e co 2-1 no taboleiro de marcas entrou en pánico. Fernando fixo un par de cambios de claro talante conservador, en parte tamén obrigados por que a dupla ofensiva non ten recambios (baste dicer que acabou o xogo como dianteiro un avanzado tan improbábel como Rudy).

Os minutos finais foron un clásico en Riazor, coa torcida a pedir a hora. Ninguén dixo que conquistar o liderado fose ser doado.

As fotos están tiradas de CeltaVigo.Net e CanalDeportivo.Com

Comentarios