Un pasivo Lugo cae goleado en Xixón

O Sporting aproveitou a parsimonia albivermella para vencer por 3-1
Íñigo Vélez, técnico do Club Deportivo Lugo, era a viva imaxe da desolación.  (Foto: LFP).
photo_camera Íñigo Vélez, técnico do Club Deportivo Lugo, era a viva imaxe da desolación. (Foto: LFP).

O Club Deportivo Lugo, a pesar dos chamamentos nas xornadas previas a evitalo, ofreceu unha pésima imaxe no Molinón. 

Disque galegos e asturianos son primos-irmáns, e abofé que con actuacións como a do Club Deportivo Lugo en Xixón esa fantástica relación continuará polos séculos dos séculos, porque, e con independencia da súa condición de equipo xa descendido, a escuadra da cidade da Muralla renunciou a toda exhibición de entrega, orgullo e, porque non dicilo, á entrega que se presupón no fútbol profesional en favor dos seus necesitados curmáns asturianos.

Os xogadores dirixidos por Íñigo Vélez -que saíu de inicio con Whalley; Loureiro, Álex Pérez, Alberto, Andoni; Xavi Torres, Señé, Guedes; Moyano, Baena e Manu Barreiro- non lle puxeron moi difícil a cousa a un Sporting precisaba dos tres puntos para deixar practicamente asegurada a permanencia, ofrecendo unhas facilidades en defensa impropias da categoría, o que se traduciu nun gol local xa no minuto 15, anotado por Pedro Díaz á saída dun córner.

Desmoralizado, o Lugo afundiu, e no 31 un Guille Rosas que parecía Maradona subía o segundo ao video-marcador do Molinón logo de situar o balón na escuadra da portería defendida por Whalley tras canear varios defensores albivermellos.  

Despois do descanso mesma tónica a pesar dos cambios introducidos por Vélez, xa que entraron Jaume Cuéllar e Jordi Calavera en lugar de Gui Fuedes e Andoni López. 

Sen apenas esforzo, os xixoneses protagonizaban unha ocasión tras outra, especialmente nas botas de Pedro e Sebas Moyano, aínda que o seu terceiro gol  ('53) chegou da man de Juan Otero, nunha xogada perfectamente representativa da parsimonia que caracterizou o Lugo, especialmente na súa parcela defensiva, durante todo o encontro, xa que Juan Otero non atopou oposición algunha á hora de definir no segundo pau un saque desde o curruncho.

Xa no minuto 78 abriu a súa conta o Club Deportivo Lugo, que estabeleceu o definitivo 3 a 1. O seu autor foi Xavi Torres, quen desde fóra da área enviou un proxectil que se introduciu na portería do 'Pichu' Cuéllar logo de rebotar nun contrario.  

Comentarios