Pardavila, Hermida e Casal viaxan até Francia para disputar o Mundial de Caiac Polo

Nesta cuarta feira arranca a proba raíña desta disciplina.
Yolanda Hermida. (Foto: Copacabana)
photo_camera Yolanda Hermida. (Foto: Copacabana)

O poderío galego nos deportes náuticos -ou acuáticos- non se limita ás disciplinas máis tradicionais, como a vela ou o remo.

Tamén noutras menos mainstream, como no caiac polo, a Galiza conta con deportistas do máis alto nivel, como demostra a presenza dos xogadores cangueses Alejandro Casal e Samuel Pardavila e da valdoviñesa Yolanda Hermida no Mundial de caiac polo absoluto que se disputa en Saint-Omer (Francia).

Para o primeiro será a súa segunda experiencia nunha Copa do Mundo -estreouse en Canadá 2018, gañado a medalla de bronce-, mentres que Pardavila debutará na gran cita planetaria. Pola súa parte, Yolanda Hermida acumula numerosas experiencias internacionais desde a súa estrea internacional no ano 2014.

Tras unha cerimonia de inauguración para dar a benvida aos 26 países participantes entre as categorías absoluta e Sub-21 que se levou a cabo onte, os primeiros partidos no cadro masculino terán lugar xa nesta cuarta feira, debutando o combinado estatal no que están incluídos Casal e Pardavila ás 9.45 contra os Estados Unidos de América, para, case sen tempo para descansar, volver entrar en acción ás 13.50 ante China Taipéi. Xa no día de mañá concluirán a primeira fase ante a selección nacional de Hong Kong.

As expectativas de que ambos os representantes da Galiza no Mundial volvan cunha medalla colgada do pescozo son elevadas, como acredita o seu primeiro posto no recentemente concluído torneo amigábel de Gante e o bronce conquistado este mesmo verán nos World Games de Birmingham (Inglaterra). 

No plano feminino, as esperanzas dun equipo que se preparou para o Mundial en Ferrol son algo menores, aínda que o seu debut, nesta cuarta feira ás 8.35 ante Suecia, podería condicionar o seu devir no torneo.

Comentarios