venres 25/09/20

Tres paradas e até cinco trocos na Segunda B e Terceira de fútbol

A Real Federación Española de Fútbol presentou Normas Reguladoras e Bases de Competición para a tempada 2020/2021.
As normas da competición inclúen unha serie de disposicións extraordinarias pola pandemia da Covid (Nós Diario)
As normas da competición inclúen unha serie de disposicións extraordinarias pola pandemia da Covid (Nós Diario)

As competicións de Segunda División B e Terceira División de fútbol xa teñen as súas Normas Reguladoras e Bases de Competición para a tempada 2020/2021, tras seren aprobadas na segunda feira pola Comisión Xestora da RFEF.

Na Segunda B participarán un total de 102 clubs, distribuídos en cinco grupos ─tres de 20 clubs e dous de 21 clubs─, divididos cada un, á súa vez, en dous subgrupos de 10 ou 11 equipos cada un. Na Terceira, os clubs serán distribuídos en 18 grupos conforme a criterios de territorialidade, dividindo cada un deses grupos en subgrupos de 10, 11 ou 12 clubs.

Ambas as dúas competicións comezarán o próximo 18 de outubro e a inscrición de futbolistas poderase formalizar até o 5 de outubro. Posteriormente, tamén do 4 de xaneiro ao 1 de febreiro de 2021. Ademais, poderán obter un número máximo de 22 licenzas de futbolistas no seu equipo, entre os que non poderá haber máis de 16 xogadores maiores de 23 anos. 

Nas normas inclúese a posibilidade de sentar no banco até nove suplentes para facer até cinco trocos en tres interrupcións do partido, ademais dunha substitución adicional en caso de prórroga nos play-offs de ascenso antes de iniciarse ou no descanso da mesma.

Por outra banda, os clubs deberán remitir á RFEF determinada documentación a efectos informativos e de valoración xeral do estado económico-financeiro de cada unha das divisións, "en aras dunha mellora dos mecanismos de control e salvagarda dos intereses da competición", segundo sinalou a federación nun comunicado.

Disposicións pola Covid

As normas da competición inclúen unha serie de disposicións extraordinarias pola pandemia, comezando por unha "salvagarda xenérica" que indica que "o disposto nas presentes Bases ou Normas de competición pode verse modificado durante o transcurso da tempada por causa de forza maior". 

Será "competencia da Comisión Delegada da Asemblea da RFEF a determinación da paralización e/ou da volta á competición en atención ás causas de forza maior que sobreveñan e a súa prolongación no tempo, salvo naqueles aspectos que a competencia fose do Xuíz/a de Competición". Isto é, "cando nun territorio determinado exista unha normativa ou unha orde gobernativa".

comentarios