Panorámica ligueira: o Dépor despídese do ascenso directo

Xornada de contrastes para os representantes da Galiza nas tres primeiras categorías, pois mentres que Club Deportivo Lugo e Rácing de Ferrol obtiveron importantes triunfos, o Deportivo sumou un infrutuoso punto e tanto o primeiro equipo do Celta como o seu filial caeron derrotados.
Os xogadores branquiazuis precisan levantarse se queren ter opcións de subir na fase de ascenso. (Foto: RC Deportivo).
photo_camera Os xogadores branquiazuis precisan levantarse se queren ter opcións de subir na fase de ascenso. (Foto: RC Deportivo).

Pode que o idioma galego teña máis de 70 verbas para definir a chuvia -non se van compilar nestas liñas-, pero o que si é 100% seguro é que nunca chove a gusto de todos, e menos no fútbol. As xornadas ligueiras, cando os principais campionatos apuran o seu tramo final, son máis esixentes que nunca, e a proba é que tan só Club Deportivo Lugo e Rácing de Ferrol foron quen de conseguir a vitoria.

Os albivermellos lograron fechar unha mala xeira de máis dun mes sen sumar os tres puntos a costa dun equipo teoricamente superior como o Fútbol Club Cartaxena (1-0). A escuadra lucense, co apio do seu público, logrou cun tanto do veterano Xavi Torres pasar por enriba dun conxunto moi ben armado e deixar así case fechada a súa continuidade na categoría de prata un ano máis, lugar onde aspira a estar na tempada 2022/23 o Rácing de Ferrol.

Os Diaños Verdes, terceiros na táboa, levan 10 partidos sen coñecer a derrota, e tras pasar por enriba da histórica Cultural Leonesa (0-2) no Reino de León volveron demostrar que son o equipo máis en forma da Primeira RFEF. 

Curiosamente, o principal prexudicado da xornada dos equipos do país foi un que non perdeu o seu compromiso semanal, senón que o empatou. Trátase, por suposto, dun Real Club Deportivo da Coruña que dixo adeus virtualmente ao ascenso directo após deixarse empatar ante o filial do Athletic de Bilbao, un bloque conformado por rapaces cunha idade media que rolda os 20 anos e que ten como único obxectivo evitar o descenso.

E hai que insistir nese "deixarse", pois o conxunto branquiazul logrou adiantarse no marcador da man de Quiles no minuto 59, mais -a tónica da tempada-, tras marcar o equipo diluíuse como azucre en café quente e Malcom aproveitouno para estabelecer o 1-1 definitivo no 74, un resultado que, combinado co triunfo do Rácing de Santander, aboca os branquiazuis ao play-off... con sorte.

Dupla derrota celeste

Por último, a afección do Celta viviu senllas decepcións, pois ao inesperado tropezo do filial na casa ante o Sanse (1-2) uniuse unha derrota do primeiro equipo (1-0) que chegou do peor modo posíbel: no minuto 89 ante o Español de Barcelona  logo dun partido inane no que os xogadores olívicos semellaban desmotivados e carentes de ambición.

Comentarios