Panorámica futbolística: a Primeira RFEF salva a xornada galega

Sombras na elite e brillo dos equipos da Galiza na terceira categoría
O capitán, Iago Aspas, foi o autor do tanto que lle serviu ao Celta para obter un vital triunfo pola mínima (0-1) en Montilivi a pasada tempada. (Foto: La Liga).
photo_camera Iago Aspas marcou, pero saíu mancado da acción do gol (Foto: La Liga).

O Celta suma unha única vitoria nos últimos 11 partidos. O Lugo, só unha máis. Afortunadamente, o bo facer de ambos os equipos galegos na elite do fútbol estatal en tramos anteriores da tempada fixo que, a pesar da pobre recta final de campaña que están a percorrer, tanto celestes como albivermellos teñan a salvación virtualmente fechada.

A escuadra olívica perdeu en Granada, o equipo que marca o límite da permanencia, unha oportunidade para confirmala, pois cando todo apuntaba a un triunfo do Celta logo dun tanto anotado por Iago Aspas, o atacante local Darwin Machís subiu o definitivo 1-1 ao marcador do  Novo Los Cármenes.

O Chacho Coudet, técnico celeste, laiouse despois do partido de que unha vez máis os seus homes deixaran escapar puntos nos intres finais dun partido, como xa lle acontecera hai dúas semanas ante o Español ou en febreiro ante o Levante: "Fixémolo todo para gañar, e merecemos levar os tres puntos, pero o rival, como ten tanta necesidade, saíu a buscalo e atopou o gol, así que a realidade é que se nos volven escapar dous puntos por non ter efectividade".

Peor sorte incluso tivo o Club Deportivo Lugo, que perdeu un partido no Ángel Carro por primeira vez en seis meses. O club que derrubou a muralla albivermella foi un Tenerife que foi moi superior a un Lugo rañica que só tivo unha opción de gol ao longo dos 90 minutos.

A súa aposta polo fútbol máis defensivo funcionou durante 64 minutos, o tempo que tardou Mario González en anotar o 0-1 nun saque de esquina. Obrigado a mudar radicalmente de estratexia, pouco menos de 10 minutos despois os albivermellos recibían o definitivo 0-2. 

'Testiculina' santanderina

O Dépor fixo contra a UD Logroñés un dos mellores partidos da tempada e logrou un cómodo triunfo por 3-0, o que non foi abondo para evitar o ascenso directo dun Rácing de Santander que empatou a dous goles con outro equipo galego, o Celta B.

Desde a capital cántabra, o seu adestrador, Guillermo Romo, sacou peito -por empregar un eufemismo elegante- polo seu logro, dicindo que o Santander "dobra en ovos" ao Deportivo.

O outro Rácing da categoría, o de Ferrol, confirmou o seu bo momento vencendo o Talavera 1-0 e con dous homes menos cun tanto do de sempre, Joselu.

Comentarios