Panorámica do fútbol galego: a decepción transita pola AP-9

Irregular xornada futbolística para os equipos galegos. Tan só o Rácing de Ferrol foi quen de sumar os tres puntos, consolidándose así no play-off. O Lugo sumou un meritorio empate ante o Almería, segundo clasificado, mentres que, pola súa parte, tanto o Deportivo da Coruña como o Celta de Vigo e o seu filial caeron derrotados.
Aspas entrou na convocatoria, pero será suplente. "Se agardamos unha recuperación completa non volvería xogar", dixo Carvalhal. (Foto: La Liga).
photo_camera A decepción era evidente no rostro de Iago Aspas despois de dicir, case definitivamente, adeus a Europa. (Foto: La Liga).

Había moita expectación ante esta xornada futbolística dadas as opcións de que os representantes do país nas tres principais categorías se achegasen aos seus obxectivos do final da tempada, pero non puido ser.

Na Primeira División o Celta estaba ante, empregando a xerga do tenis, un match ball que deixou escapar. Coa clasificación para a competición europea na tempada do centenario no horizonte, os xogadores dirixidos por Eduardo Coudet perderon -case- definitivamente todas as súas opcións fronte a un rival directo, o Vilarreal.

A escuadra castellonenca, sétima clasificada, sufriu para pasar por enriba dos olívicos, mais logrouno cun solitario tanto do Dani Parejo no minuto 64. A pesar de que tanto Coudet como varios dos seus homes declararon despois do partido que o Celta "non mereceu perder", o certo é que os celestes están pagando nos marcadores a súa ineficacia anotadora, como demostra o dato de que xa acumulan 310 minutos sen marcar fóra de Balaídos, onde non suman os tres puntos desde o pasado día 2 de xaneiro, cando superou o Real Betis no Villamarín con dous tantos de Iago Aspas.

O Lugo acaricia a permanencia  

O Club Deportivo Lugo, pola súa parte, sumou un punto moi valioso ante o segundo clasificado da categoría de prata, a Unión Deportiva Almería (3-3).

Facendo alarde do espírito de esforzo e sacrificio que caracteriza os albivermellos baixo a dirección de Rubén Albés foron quen de empatar en tres ocasións diferentes un conxunto que multiplica por dous o seu límite salarial (5,18 por 10,34 millóns). Logo deste resultado a permanencia está cada vez máis preto, aínda que doe pensar onde estaría situado este equipo se as vitorias sumasen dous puntos e non tres -como acontecía até hai 25 anos- pois pasaría do duodécimo ao sétimo posto, loitando polo play-off de ascenso.

Crise total no Deportivo

Onde hai dúbidas até de xogar a promoción é na Coruña, onde o peor Dépor da tempada caeu 3-0 ante un Badaxoz que ten o seu presidente na cadea e un adestrador non autorizado a sentar no banco. Non mellor sorte correu un Celta B irrecoñecíbel ante o fechacancelas Tudelano (0-2). Afortunadamente, o Rácing salvou a honra do fútbol galego vencendo o Irún (2-1). 

Comentarios