Panorámica da xornada ligueira: periga o 'play-off' para o Celta B

A xornada futbolística trouxo a final da tempada na Primeira División, con derrota do Celta no seu adeus. Non moito mellor lle foi ao seu filial, que perdeu  a oportunidade de vivir unha derradeira data tranquila, escenario oposto ao de Dépor e Rácing, que xa teñen o foco posto en chegar do mellor modo ao play-off.
O Celta B terá que defender o seu lugar de privilexio na casa da Sociedade Deportiva Logroñés. (Foto: RC Celta).
photo_camera O Celta B terá que defender o seu lugar de privilexio na casa da Sociedade Deportiva Logroñés. (Foto: RC Celta).

O fútbol é un deporte no que nada está garantido. O Celta de Vigo B leva practicamente toda a segunda volta da competición instalado nalgunha das catro posicións da clasificación que dan dereito a disputar a fase de ascenso á Segunda División, pero iso de nada vale se na última xornada non fecha o campionato nun deses postos de privilexio.

Os rapaces dirixidos por Onésimo perderon unha grande oportunidade de conseguilo ante o Rácing de Ferrol nun derbi galego disputado ante o seu público no estadio de Balaídos e que rematou con triunfo pola mínima (0-1, Dani Nieto) dun conxunto departamental que xa tiña practicamente asegurada a súa presenza nun play-off que comezará a primeira semana de xuño.

Tranquilo está tamén un Deportivo da Coruña que semella render mellor sen presión, pois ante o Valladolid Promesas realizou un dos seus mellores partidos da tempada (0-4, Miku por dúas veces, Quiles e Álvaro Re). A goleada non só serviu para certificar o segundo posto ligueiro, senón para intuír por que homes e estratexia pode optar o técnico branquiazul, Borja Jiménez, no tramo decisivo do torneo.

Celta, adeus sen brillo

O primeiro equipo do Celta dixo adeus á máxima categoría cun partido gris marcado pola situación interna dun club en descomposición, o Valencia de Peter Lim, inmerso nunha fonda crise económica, social e institucional que levou a que máis de 10.000 persoas se concentrasen contra el no exterior de Mestalla. 

Non obstante, o único que importa é o plano deportivo, e aí foi mellor a escuadra ché. Un tanto do ex celtista Maxo López e un gol en propia porta de Araújo estabeleceron o 2-0 definitivo.

O Lugo perde no penúltimo partido de Albés

O Club Deportivo Lugo disputou o seu penúltimo partido na Segunda División na tempada 2021/22 e con Rubén Albés no banco albivermello. 

Lamentabelmente, os da Cidade da Muralla non puideron facerse coa vitoria (1-0 a prol dos maños) a pesar de que, especialmente na primeira parte, melloraron a imaxe que viñan ofrecendo nas últimas semanas.

O preparador do Lugo laiouse da "falta de acerto" dos seus homes, e criticou a expulsión de Xavi Torres evidenciando que "en toda a tempada" nunca tiveron "superioridade numérica".

Comentarios