Panorámica: o Celta empana unha boa xornada dos conxuntos galegos na elite

Os principais equipos da Galiza agasallaron as súas afeccións con bos resultados, coa única excepción dun Celta que caeu ante a Real Sociedade. Así, o Lugo conseguiu un triunfo vital ante un rival directo, mentres que xa na Primeira RFEF Dépor e Celta B fixéronse cos tres puntos, a diferenza dun Rácing que empatou pero escala dous postos na táboa.
Tras volver marcar, o deportivista Miku xa é, con nove tantos, o máximo goleador da Primeira RFEF. (Foto: RC Deportivo).
photo_camera Tras volver marcar, o deportivista Miku xa é, con nove tantos, o máximo goleador da Primeira RFEF. (Foto: RC Deportivo).

O fútbol galego fixo alarde de que non se excedeu cos turróns durante as vacacións de Nadal e asinou unha espléndida xornada que só desluciu a derrota do Real Club Celta na casa da Real Sociedade de San Sebastián.

A escuadra celeste, quizais aínda afectada psicoloxicamente pola tan recente como inesperada eliminación copeira ante un equipo teoricamente moi inferior como é o Atlético Baleares, mostrou a súa peor versión ante uns donostiarras que parecían unha vítima propiciatoria para enxugar as bágoas do fracaso, pois levaban seis partidos sen gañar en Liga.

Non obstante, os locais mostráronse superiores en todo momento, e a pesar do axustado do resultado (1-0) o Celta non tivo opción nun encontro que evidenciou o escasa de efectivos que está a escuadra olívica, situación que -unha vez máis- aproveitou o técnico celeste, Eduardo 'Chacho' Coudet, para reclamar dun modo pouco sutil a chegada de fichaxes no mercado de inverno: "Somos un grupo curto, e aínda que todos os equipos teñen problemas, algúns contan con máis solucións, esa é a realidade".

Vitoria de seis puntos do Club Deportivo Lugo

Ben diferentes están os ánimos na Cidade da Muralla, logo de que o Club Deportivo Lugo rachase coa negativa xeira de catro partidos sen gañar -tres en Liga e un na Copa- ante un rival directo na loita por fuxir dos postos de descenso, o Club Deportivo Mirandés.

Os albivermellos, reis do empate na Segunda División, conseguiron gañar (2-1) a base de traballo e os goles de Juanpe e Chris Ramos no ecuador do partido, e logo deste resultado contan cun cómodo colchón de seis puntos sobre a zona de perigo.

Sorrisos na Primeira RFEF

Alegría galega tamén na terceira categoría do fútbol. O Deportivo reafirmou a súa condición de líder cun triunfo sólido pero sen brillantez (1-0) ante o Talavera. Non correu a mesma sorte o Rácing de Ferrol, que non foi quen de perforar a portería do Dux de Madrid (0-0). Porén, a pesar do empate escala dous postos na clasificación e xa é terceiro, cun punto máis que o Celta B, que durme no oitavo posto, o que evidencia a igualdade na Primeira RFEF. Os de Vigo reengancháronse coa parte alta logo de superar á Sociedade Deportiva Logroñés (3-2).

Comentarios