A palabra 'gol' escríbese con 'g' de Galiza

Nas últimas décadas as posicións nas que o país galego produciu máis estrelas foron a portería, a defensa e mesmo o medio do campo, quedando a dianteira un tanto coxa en comparación. Porén, o conto cambiou radicalmente, e se algo caracteriza hoxe o futbolista da Galiza é a súa capacidade para perforar as porterías contrarias. 
 
O dianteiro estrela do Alavés, Joselu Mato, acumula cinco tantos e está no 'Top 10' de máximos anotadores da categoría. (Foto: LaLiga)
photo_camera O dianteiro estrela do Alavés, Joselu Mato, acumula cinco tantos e está no 'Top 10' de máximos anotadores da categoría. (Foto: LaLiga)

Houbo un tempo, especialmente nos 40, 50 e 60, no que o xogador galego era sinónimo de gol. Nomes como Pahíño, Amancio ou Marcelino eran o pesadelo das defensas contrarias, mais a evolución da canteira galega tomou outro rumbo a partires dos 70, e gardametas como Miguel Ángel ou Buyo, marcadores da sona de Otero ou Míchel Salgado e centrocampistas da clase de Fran tomaron o relevo como principais expoñentes do fútbol do país.

Porén, agora, e sen ánimo de darlle a razón a Vico e á súa teoría do retorno cíclico da historia, semella que Galiza volve dominar con bota de ferro as áreas rivais, como demostra a presenza de Joselu, Iago Aspas, Santi Mina e Borja Iglesias entre os máximos goleadores da Primeira División.

O primeiro, que actualmente defende as cores do Alavés de Vitoria, ocupa o noveno posto do ránking con cinco tantos en doce partidos, aínda que está a tan só dous goles da segunda posición, que comparten o atlético Luís Suárez, o madridista Vinicius Jr. e o periquito Raúl de Tomás. Aos seus 31 anos, este fillo de emigrantes galegos nado en Stuttgart (Alemaña) semella estar no mellor momento da súa carreira, e todo apunta a que logrará superar o seu récord de 11 goles, conseguido tanto na tempada pasada como na 2019/20.

Tamén cinco goles leva o que nunca falla, Iago Aspas Juncal. O Príncipe das Bateas, a pesar de comezar a Liga un tanto desacertado cara á portería contraria, logrou recuperar a súa mellor versión e acumula tres en pouco máis de dúas semanas.

Un pouco máis atrás quedan o celeste Santi Mina (4), chave para o Chacho Coudet, e Borja Iglesias (3), quen se está vendo moi prexudicado pola chegada este verán ao Betis do brasileiro William José, xa que Pellegrini está repartindo os minutos de xogo entre ambos dianteiros.

Pahíño, o primeiro goleador galego

A tempada ligueira 1947/48 finalizaba con  Manuel Joaquín Fernández Fernández, 'Pahíño' como o seu máximo goleador, logro nunca antes conseguido por un futbolista galego. 

Cinco anos antes, cando daba os seus primeiros pasos no fútbol de elite, o de San Paio de Navia sufriu unha fractura de peroné que se a día de hoxe continúa a ser unha lesión gravísima, por aquel entón adoitaba ser sinónimo de retirada. 

Pero o caso é que se algo caracterizaba o desaparecido '9', falecido en 2012 aos 89 anos de idade, era a súa capacidade de superación, dentro e fóra do campo, non só recuperándose senón volvendo máis forte, até o punto de que o todopoderosos Real Madrid decidiu apostar polos seus servizos nun tempo no que na Liga española xogaban dianteiros do nivel de Zarra, Kubala ou César.

Alí estivo cinco exercicios, nos que transformou a estratosférica cifra de 125 goles en 143 partidos, gañando de paso o Trofeo 'Pichichi' de 1953. Despois asinou polo Dépor, onde seguiu marcando goles a pesar de ser xa un veterano antes da súa retirada no Granada en 1957.

Comentarios